Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

La Voz ofrecerá mañá unha escolma dos escritos de Manuel Murguía, o patriarca do rexionalismo galego

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

13 ago 2010 . Actualizado a las 02:14 h.

A colección de escolmas de autores que ofrece La Voz de Galicia chega mañá a un dos nomes máis representativos da literatura en lingua galega: Manuel Murguía. O intelectual que contribuíu cos seus escritos de creación e investigación a engrandecer a lingua e a cultura de Galicia, segundo sinala na introdución da obra a responsable da escolma, María Eva Ocampo, foi definido por Otero Pedrayo como «patriarca do rexionalismo galego». O libro sobre este intelectual entregarase mañá, por 1,95 euros, de forma conxunta co volume de historia da literatura galega dedicado á poesía da Xeración Nós.

A importancia de Murguía está recollida ao comezo do libro nunha aproximación á súa figura que reflicte o seu perfil como defensor dos dereitos históricos de Galicia e o seu forte carácter combativo en defensa do rexionalismo. Aí figura o seu papel como primeiro presidente da Real Academia Galega, creada en 1906 para a difusión da cultura literaria, histórica e artística de Galicia. Tamén o seu importante respaldo á publicación dos poemas de Rosalía de Castro, á que en 1857 apoiou na edición do libro La flor e coa que casou un ano máis tarde. O libro recolle ademais unha entrevista de Wenceslao Fernández Flórez con Manuel Murguía que permite un achegamento de primeira man ao autor.

A escolma inclúe unha primeira parte dedicada á súa produción en galego (textos como Nena d'as soledades) e, en castelán, destacan Los precursores. Política y sociedad en Galicia e

Diccionario de escritores gallegos.