Os noruegueses de Jo Stromgen Kompani só inclúen Ourense e Madrid entre as súas actuacións en España
22 oct 2010 . Actualizado a las 02:05 h.Co desacougo no corpo, a voz por veces apagada pola emoción e o sentimento extremo, contida, a directora da compañía Sarabela e do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), Ánxeles Cuña, presentou onte no auditorio da cidade a terceira edición do certame. Un festival marcado polo recorte presupostario imposto pola crise e polo recente pasamento do actor, escenógrafo, iluminador e deseñador gráfico Suso Díaz, vencellado á compañía Sarabela dende a adolescencia e que finou recentemente. De feito, a terceira edición do FITO está dedicada «a Suso Díaz Seoane: O home de teatro total. Poeta do espazo, alquimista da luz e construtor de soños». Cinco apartados Ánxeles Cuña incidiu á hora de presentar o programa do FITO 2010, que se celebra dende hoxe e ata o día 31, en que o certame ofrecerá aos espectadores 17 espectáculos en nove días. A oferta concibiuse en base a cinco liñas centrais: as compañías de longa e recoñecida traxectoria (Ur, Hongaresa, Morcego e A Internacional), as compañías emerxentes (a galega Nut, Nuria Sotelo -que estreará no FITO Métanse nos seus asuntos, con dirección de Ana Vallés-, Hedonistas -premio 1.º Certame Internacional de Novos Investigadores Teatrais-, Baraka -finalista nos premios Max como grupo revelación- e a compañía de teatro de rúa Femme Fatale), o achegamento á lusofonía co Teatro de Braga, o apartado dedicado á irmandade con Iberoamérica (coa participación de La Mona Illustre, Chile, Tangolpeando, Arxentina, e Malayerba, Ecuador) e unha quinta liña de traballo centrada nas novas dramaturxias, nas que se insire a participación da compañía da catalá Marta Carrasco e o grupo de Noruega Jo Stromgren Kompani. Esta última formación está de xira por Estonia, Rusia, Bielorrusia e Polonia, e no caso de España só actuarán en Madrid e no FITO. Na cita ourensá estarán con dous espectáculos: The convent, día 28, e The experiment, o 29. En ambos os dous casos as representacións serán ás 20.30 horas no Auditorio de Ourense. Sector en precario Segundo sinalou onte a directora do certame, Ánxeles Cuña, os dous espectáculos do grupo «contan cunha linguaxe perfectamente imaxinaria perfectamente entendible». Na presentación do FITO 2010, a directora referiuse aos actuais como «tempos duros para o teatro, cun recorte de 50% para a cultura, e con graves problemas para un sector precario coma o noso, que conta xa con moita xente no paro», sinalou e fixo unha reflexión en público, en presenza do responsable da Agadic, Juan Carlos Fasero, sobre a conveniencia de destinar a un concerto como o de Leonard Cohen máis diñeiro «que a todos os festivais de teatro galegos».