Trinta anos da morte de Cunqueiro, o imaxinador prodixioso

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Congresos, recitais e novas edicións lembran ao escritor no ano do seu centenario

28 feb 2011 . Actualizado a las 11:14 h.

Tal día como hoxe, hai 30 anos, falecía en Vigo Álvaro Cunqueiro, un escritor dotado cunha imaxinación prodixiosa e unha extraordinaria capacidade de observación, o que lle facilitou cultivar unha obra que tocou todos os xéneros, pero que sobranceou na poesía, a narración fantástica e o xornalismo. Este cabodano ten unha significación especial ao coincidir nun ano ateigado de todo tipo de iniciativas arredor da súa figura, xa que en decembro se celebra o centenario do seu nacemento en Mondoñedo.

Precisamente hoxe a súa localidade natal ten programada unha serie de actos para lembrar ao autor de Merlín e familia, aos que asiste unha representación institucional e do mundo da cultura de Ferrol en calidade de cidade irmá, que será recibida na casa consistorial ás 11.15 horas. Quince minutos máis tarde terá lugar no cemiterio vello unha ofrenda floral ante a tumba do escritor, sobre quen versará a conferencia maxistral no pazo municipal, que este ano estará a cargo de Ramón Pernas. A xornada concluirá cunha lectura pública de textos de Cunqueiro, na que participarán tanto cargos institucionais como representantes da cultura ou escolares.

As lecturas dramatizadas e a participación cidadá tamén foron parte das actividades que comezaron en Vigo a semana pasada, e nas que están involucradas a Escola Superior de Arte Dramática e a Asociación Cultural Casco Vello. Ao igual que en Vigo e Mondoñedo, en diversas cidades galegas haberá lecturas, recitais e faladoiros que terán como argumento clave as distintas facetas da escrita cunqueiriá.

Obra literaria

Pero como a mellor homenaxe que se lle pode facer a un escritor é ler a súa obra, oportunidades non van faltar neste ano. Hai escasos días Alvarellos presentou Viaje a Lugo, un volume que recompila artigos e discursos que teñen a cidade murada como fío condutor, e nos que aparecen paisaxes, amigos -como os tamén literatos Ánxel Fole e Luís Pimentel- e a historia na súa acepción máis ampla.

Pola súa banda, Galaxia, o selo que publica habitualmente a maior parte da produción literaria de Cunqueiro, así como análises -caso dun recente volume de Manuel Forcadela- sobre a súa obra, tamén ten en preparación varias novidades. A editorial fará unha nova edición de Tesouros novos e vellos, o discurso co que o escritor ingresou na Real Academia Galega -que será conmemorado o 16 de abril cun acto no Seminario de Mondoñedo-, xunto coa benvida de Rof Carballo e a resposta de Fernández del Riego; a edición anterior deste volume foi hai xa dez anos.

Ademais, tamén en Galaxia aprecerá un volume na colección Dombate que recollerá a poesía que publicou Cunqueiro a partir de 1936, como xa fixo coa lírica escrita antes do comezo da Guerra Civil, e que contén dous dos seus libros fundamentais, Dona do corpo delgado e Herba aquí e acolá. Esta edición estará ao coidado do catedrático da Universidade de Vigo Henrique Costas, quen engadirá outros poemas complementarios, como os que se publicaron en revistas, por exemplo.

Costas tamén será responsable de supervisar a publicación completa dos artigos xornalísticos que Cunqueiro escribiu en galego, arredor dunhas 2.000 pezas. Está previsto que o primeiro volume apareza no outono. En principio, os textos presentaranse en orde cronolóxica.

Faceta gastronómica

Ademais dos libros de Cunqueiro, Galaxia terá novidades editoriais arredor do escritor, como un libro-disco que está a preparar César Morán. Pola súa banda, Xosé Cermeño achegarase á faceta gastronómica do autor, un volume de gran formato titulado provisionalmente A mesa de Cunqueiro, e no que relatará, a través dos testemuños de familiares e amigos, cales eran os seus pratos habituais e favoritos, ou que comía en cada estación do ano. O escritor dedicou páxinas brillantes á gastronomía en libros como A cociña galega ou La cocina cristiana de Occidente, polo que deixou indicios de por onde ían os seus gustos, pero este volume recreará dun xeito máis íntimo a relación de Cunqueiro cos alimentos, os xeitos de preparalos e a súa dimensión social.

Por último, Galaxia dedicará un número monográfico da revista Grial á obra e á figura de Cunqueiro, e que será publicado contra finais deste ano no que se celebra o centenario do autor mindoniense.