«Nunca se fixo nada igual: 25 directores rodando en 13 países»

laura lópez LUGO / LA VOZ

CULTURA

O músico galego foi elixido entre 200 compositores de todo o mundo

23 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

David Alonso Garzón (coruñés de 33 anos que vive en Lugo) entrou no proxecto The Owner por casualidade, pero fíxoo triunfando: foi elixido o compositor principal da banda sonora deste filme internacional, no que participan 25 directores, entre 200 candidatos que se presentaron en todo o mundo. Súa é toda a música da película agás dous pequenos temas.

-¿Que é The Owner?

-É unha longametraxe global única. Nunca se fixo nada igual: 25 directores rodando en 13 países dos cinco continentes o mesmo filme. Entre todos fixeron o guión e o equipo formámolo persoas de todo o mundo, que traballamos a través de Internet. A maioría non nos vimos nunca en persoa. O fío condutor é unha mochila que viaxa polo mundo para buscar ao seu dono. A película empeza en Brasil, onde alguén atopa a mochila, que sempre, por erro, vai a un remitente doutro país, un tal McGuffin. Oliver Stone plantexara algo parecido, pero eran persoas que subían o seu propio material, sen traballar en conxunto.

-¿De onde naceu a idea?

-Isto naceu en Internet, por iniciativa de dous directores americanos, de Detroit, Ian Bonner e Marty Shea. Eu apunteime a través do Facebook, sen saber moi ben o que era. Logo xa vin que se trataba dun proxecto serio, interesante e con xente de moita experiencia en cine. Levaron esta idea e material visual a Cannes e tivo moi boa acollida. No verán saíu o tráiler, que se pode consultar en www.collabfeature.com e o filme vaise estrear o 25 de maio.

-¿Como se organiza o traballo para facer un filme con xente de todo o mundo, cada un desde o seu país?

-Eu traballo todo a través das redes sociais, Skype, correo electrónico e o canal privado que temos en Vimeo. A película foi rodada nos idiomas de cada país, e ten subtítulos en inglés. A mochila viaxou por Brasil, a India, Estados Unidos, Colombia, Francia, Alemaña, Irlanda, Inglaterra, Dubay, Sudáfrica, Austria, Líbano e Hong Kong.

-¿En que se inspirou para compoñer a banda sonora dun filme tan multicultural?

-Primeiro busquei un tema principal que me valera para adaptar despois a todas as situacións ou países. Para iso, tiven que buscar instrumentos de cada un dos lugares, da India, do Líbano... e escoitar moita música deses países. Isto dálle moita riqueza á narración, porque cada director imprime a súa pegada no filme e, ao tempo, parte da súa cultura.

-¿Ademais de compoñer, toca vostede na banda sonora?

-Si. Iamos facer unha convocatoria por Internet, pero iso retrasaría todo, así que gravo os instrumentos reais que podo tocar e o resto utilízoos de librerías para cine. Entre outros instrumentos, toco o piano, a guitarra, distintos tipos de frautas, o violín e fago as partituras.

-En que proxectos traballou ata agora?

-Eu formeime no conservatorio e tamén de xeito autodidacta. Ao principio era unha afección, pero desde hai ano e medio intento vivir seriamente disto. Traballei nunha trintena de curtas de España, Canadá e Estados Unidos, en películas, publicidade, imaxe corporativa e documentais, pero algúns proxectos non saíron adiante por problemas de produción. Agora estou máis centrado no cine, con proxectos en Berlín, Rusia e Finlandia, e o xeito de moverme e contactar coa xente é sempre a través de Internet e as redes sociais.

-Parece que ten máis traballo fóra do país.

-A maioría dos meus traballos son para fóra de España. Aquí o problema é que se depende moito da subvención pública e, coa crise, xa se sabe. E traballo sobre todo para xente que leva producións de cine independente e que non son españois. Por exemplo, para este ano, teño bastantes cousas acordadas e todo é fóra do país.

-Pódese vivir do cine?

-Estou tendo bastante traballo e nese sentido teño esperanza. Tampouco me plantexo marchar fóra aínda que non teña proxectos aquí, porque no meu traballo Internet ofrece moitas posibilidades. O problema son os comezos, que son algo moi duro porque nisto cobras cando se pecha o proxecto, e para iso poden pasar moitos meses.

david alonso garzón autor principal da banda sonora do filme «the owner»