Sede vacante na Academia Galega

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

En só sete días a RAG quedou sen presidente e inmersa nunha enorme polémica interna

03 mar 2013 . Actualizado a las 14:20 h.

A Real Academia Galega viviu nos últimos sete días unha das semanas máis intensas da súa centenaria historia. En cuestión de horas o seu presidente anunciou que abandonaba o cargo, e mesmo a Academia, e as palabras do secretario avivaron unha polémica interna cun longo percorrido por diante.

Domingo 24

Día de Rosalía en Padrón. Ferrín toma a decisión de abandonar na semana anterior, cando lla comunica ao seu círculo máis próximo. Pero a renuncia se mantén en secreto durante a fin de semana, na que participa como presidente da Academia no acto oficial de homenaxe a Rosalía que ten lugar na Casa da Matanza de Padrón o domingo 24, aniversario do nacemento da escritora e data na que comeza a celebración do 150.º aniversario da publicación do poemario Cantares Gallegos. Tras asistir á homenaxe oficial en Padrón, algúns membros da Academia encabezados por Ferrín reúnense nun xantar en Pontecesures, pero os asistentes non poden imaxinar que na mente do presidente da RAG xa é firme a idea de renunciar ao cargo.

Luns 25

Unha entrevista desata a polémica. Os acontecementos precipítanse ao día seguinte. A xornada comeza coas reaccións, dentro e fóra da rúa Tabernas, ás declaracións que o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, fai nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia. Axeitos atribúe directamente a académicos que son tamén membros do Instituto da Lingua Galega e do Consello da Cultura Galega unha operación para facerse co control da RAG: «O ILG e o Consello da Cultura queren colonizar a Academia». Na mesma conversa Axeitos tamén responde as acusacións formuladas polo que el considera sector crítico.

Luns 25, 15 horas

Dimisión por correo electrónico. Cando as redes sociais e os medios culturais ferven coas reaccións ás palabras de Axeitos, arredor das 15 horas do luns a secretaría da RAG remite a todos os académicos, numerarios e correspondentes, un correo electrónico no que Ferrín lles comunica a súa dimisión.

A despedida

«Beizón tamén a estes e estas». O e-mail corre como a pólvora pola Rede. No texto, pulido polo Ferrín poeta parágrafo a parágrafo, dá «as grazas e un abrazo» aos catro membros que comparten con el a dirección da executiva. «Á maioría dos académicos e académicas» agradécelles «o seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente». Pero garda unha mensaxe para o sector crítico: «Outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida».

Martes 26

Rivas: «Teño que repensar se quero continuar na Academia nesta situación». Ferrín decide gardar silencio, pero as reaccións á súa renuncia sucédense o luns e o martes, cando membros destacados da RAG cualifican a dimisión como «desproporcionada». Vai máis alá un dos rostros máis coñecidos da institución, o escritor e xornalista Manuel Rivas, que pide a Ferrín que siga no cargo e anuncia: «Teño que repensar se quero continuar na Academia nesta situación».

Mércores 27

O Consello da Cultura entra en xogo. 48 horas despois da publicación da entrevista con Axeitos, o Consello da Cultura Galega entra en xogo cun comunicado publicado na súa páxina web no que nega categoricamente calquera interferencia na Academia. A Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Centro Pen Galicia súmanse á petición de Rivas de que Ferrín esgote o mandato.

Xoves 28

Primeiro acto público de Ferrín desde a dimisión. O xoves ás 12.30 Ferrín entra en medio dunha nube de fotógrafos e xornalistas no salón de actos da Academia. Toca presentar o Dicionario de restauración, pero as preguntas van por outro lado. «Non hai comentario», despexa Ferrín, que só varía o guión para dicir que informará «ao seu debido tempo» sobre se reconsidera a súa decisión. O ILG tamén remite un comunicado negando que queira controlar a RAG e Axeitos engade unha frase para a polémica: «Eu falei de colonización, non de sodomización, que é o que semella polas reaccións». O académico e presidente do Consello da Cultura replica: «A tensión créana os mesmos que a denuncian».

Venres 1 de marzo

O último acto público de Ferrín xa ten data e hora. En medio da polémica a Academia colga a última hora da tarde do venres 1 na súa páxina web a convocatoria para o que «será o último acto presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín». A cita é ás 12 horas do sábado 9 de marzo, na sede da Real Academia Galega. O escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro ingresará na corporación cun discurso titulado Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas ao que dará resposta Manuel Rivas.