O autor de Nogueira de Ramuín ingresará na RAG o 9 de marzo
04 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O afiador ingresa na Real Academia Galega. Será o vindeiro sábado, 9 de marzo, ao mediodía, cando Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) tomará posesión da súa cadeira. Non quere falar do que está pasando na Academia: «Porque aínda non son académico». Pero deixa moi clara a súa postura: «Sinto moito a marcha de Ferrín, podía quedarse como membro, é unha figura demasiado valiosa como para non tela con nós». O autor de novelas como Agosto do 36 (premio Xerais en 1991), A saga dun afiador ou Morrer en Castrelo de Miño lerá un discurso de ingreso no que reflexiona sobre a literatura e o xornalismo. A resposta estará a cargo de Manuel Rivas, que xa ten escrito sobre Ferreiro como o afiador que chega á Academia, onde vai ocupar a vacante que deixou o falecemento de Francisco Fernández del Riego.
-¿Como vai ser o discurso?
-Leva por título Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas. É o que eu penso das dúas profesións, onde se unen e onde se separan, pero sen doutrina ningunha, só a miña experiencia como escritor e xornalista, eu non son doutrinario.
-E daralle resposta outro escritor e periodista.
-Si, Manuel Rivas. Estou encantado porque xa ten escrito iso de que o afiador chega á Academia, a metáfora da roda.
-¿Que vai facer na Academia Galega?
-Non sei nada. Alí hai varias comisións, pero os que máis funcionan son os filólogos e eu son un creador, así que non sei o que farei... Eu non sei nada.
-Deulle o nome dun afiador, Brais Pinto, ao colectivo no que estaban vostede, Ferrín...
-Eu son de Ferrín, coñecémonos desde hai mil anos. En Pólvora e magnolias ten un poema no que fala de que hai mil anos que nos coñecemos e que nacemos na cunca do noso idioma.
-É o autor da primeira novela de vaqueiros en galego, «A morte de Fran González».
-Iso é moi vello. A novela que máis me gusta, eu penso que é a mellor que teño, é Morrer en Castrelo de Miño. Logo estaría A saga dun afiador, pero sempre se fala de Agosto do 36. Son máis dunha ducia de novelas e algunha vez teño pensado en reescribilas pero non sei...
-¿Con que anda agora?
-Teño dous libros no ordenador, unha novela e outro que é un pouco raro. Quero publicar un libro con Cantigas, dicires e maldicires dos afiadores de Nogueira de Ramuín. É un traballo medio sociolóxico que fun facendo durante anos, pero despois perdino.
-¿E como o recuperou?
-Apareceron nun burato na parede do casucho, unha bodega que había ao lado da casa na que se gardaban as patacas; alí estaban metidos os papeis.