Os académicos buscan vías para restaurar o consenso na RAG

Luís Pousa / Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ferrín, sacando a medalla de membro da RAG, no acto de ingreso de Fernández Ferreiro.
Ferrín, sacando a medalla de membro da RAG, no acto de ingreso de Fernández Ferreiro. paco rodríguez< / span>

Consideran que hai unanimidade no plenario para «fortalecer a institución»

15 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Coa vontade de fortalecer a institución e de superar a «delicada situación» creada no último mes, os membros dunha Academia que garda o baleiro do seu expresidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, buscan xa vías para restaurar o consenso. Unha boa parte dos integrantes do plenario considera que a mellor opción agora é a unidade e o silencio para reconducir a crise institucional da RAG.

Para Euloxio Rodríguez Ruibal, a situación é tan complicada que «non é fácil ter algo que dicir sobre o futuro». Explica que se deu na Academia «un clima de división» pero que o plenario do abandono de Ferrín «non aumentou a tensión». Ruibal explica que algúns dos académicos se senten «magoados e en certo sentido expulsados», reafirmándose en que o xa expresidente deixou a RAG porque «o botaron». O dramaturgo cre que o plenario ten «o ánimo de fortalecer a institución» e como proba pon que será un traspaso da presidencia «limpo, correcto e transparente, sen boicot nin loitas».

Henrique Monteagudo sinala que «non é boa noticia que Ferrín deixe a RAG porque a súa xestión foi boa». Entende que por riba «do desgusto» hai puntos positivos: «A vontade firme de tirar para diante e tomar medidas». O filólogo cre que a aprobación das contas e do novo regulamento de contratación supón «a normalidade do funcionamento do plenario» e contesta que non lle consta cando se lle pregunta se houbo pactos previos á celebración da sesión. Explica que non houbo nunca «desconfianza na xestión da executiva, só se pediu información». En canto ao futuro, cre que será necesaria unha candidatura «con grande capital simbólico, capacidade de xestión e talante aberto».

Desde fóra da Academia, o presidente dos editores, Manuel Bragado, cre que os acordos do plenario «sinalan as formas de xestión que son propias da era Ferrín». Explica o editor que agora vai facer falta «un esforzo máximo para recuperar a tensión coa que o expresidente impulsou á Academia na sociedade». Bragado reitera a «importancia de contar no sistema cultural galego cunha institución de prestixio como a RAG».

Para o presidente do Centro Pen de Galicia, Luís González Tosar, hai a necesidade de contar «cunha Academia unida na defensa do idioma». Tosar lamenta a dimisión de Méndez Ferrín, a quen considera «un cidadán comprometido a fondo con Galicia».

Henrique Monteagudo apunta que a advertencia do perigo que corre a RAG «ten máis que ver co mal trago do momento e coa tensión, pero non ten unha lectura literal». Para Euloxio Rodríguez Ruibal o plenario da tarde do mércores tivo «un clima emocional moi forte, foi un momento con moita carga e foi difícil para todos».