Unha antoloxía que subliña o valor literario excepcional das acoutacións

La Voz

CULTURA

«Roberto Vidal Bolaño. Acoutacións e diálogos» poderá adquirirse mañá con La Voz por un euro mais un cupón

16 may 2013 . Actualizado a las 21:30 h.

O libro Roberto Vidal Bolaño. Acoutacións e diálogos poderá adquirirse mañá con La Voz polo prezo dun euro mais o cupón que figura no lombo do xornal. Trátase dunha antoloxía que recolle fragmentos significativos das obras do dramaturgo e tamén eses anacos de texto que habitualmente non chegan ao espectador, xa que as acoutacións, polo xeral, están concibidas para dar as indicacións técnicas necesarias ao equipo que representa a peza. Fragmentos que, segundo sostivo no acto Camilo Franco, responsable da escolma e a da introdución que a precede, adquiren unha transcendencia literaria no caso de Vidal Bolaño. «Hai que tomalos como relatos breves que tiñan a virtude de colocar animicamente ao espectador ante a obra que ían ver», explicou, ao tempo que subliñou o dobre uso dos diálogos como «motores da acción e definidores dos personaxes», con frases que «son como sentenzas, moi do gusto de Vidal Bolaño, que parecía que evocaba un refrán popular, cando o que facía era inventalo».

Alonso Montero tamén se referiu ás múltiples facetas de Bolaño como actor, escritor, director, escenógrafo, iluminador e empresario teatral, «o que lle amosou as grandezas da escena, pero tamén as miserias».