«A miña preocupación é que o libro non resultase condescendente nin brando para os rapaces»

La Voz

CULTURA

09 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Para Antonio Fraga non estaba escrito que puidera gañar o premio Merlín e asegura que foi «unha sorpresa para min e tivo que ser unha sorpresa para o xurado». O castañeiro en abril será o primeiro libro de Fraga.

-¿Debutar cun premio como o Merlín que significa?

-Primeiro unha sorpresa moi grande. En segundo lugar supón un respaldo moi grande porque me gusta moito escribir e aínda que non sei se podo adicarme a isto, si que me axuda a seguir escribindo, a fixarme unha actividade diaria.

-¿Por que comezou pola literatura infantil?

-É un xénero que me gusta. Creo que lin máis literatura infantil de adulto que de neno, pero é un xénero no que me gusta escribir. Pero tamén empecei por casualidade: a miña cuñada quedou embarazada e pensei en escribir algo para a súa filla, para regalarllo cando nacera. Gustoume a experiencia e seguín.

-¿Como describe a historia coa que gañou o premio Merlín?

-O primeiro é que é unha historia que non quere ser condescendente cos rapaces. Non quería abrandar as cousas, nin falarlles como se non fosen capaces de entender algunhas decisións duras. Estiven moi preocupado por iso mentres escribía porque quería evitar caer nese tipo narracións.

-¿Cre que na literatura infantil se abusa dese tipo de relatos?

-Creo que depende dos autores. A quen eu tiña medo mentres escribía era a min mesmo, a caer involuntariamente nesa escrita.