A Real Academia Galega e Fundación Barrié presentan o Portal das palabras

Camilo Franco A CORUÑA

CULTURA

Nace coa vocación de ser unha guía na práctica do idioma para todos os públicos

14 jun 2013 . Actualizado a las 01:50 h.

Outra forma de relacionarse co galego, un portal para a lingua, aplicacións para a dispositivos móbiles, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié presentaron o Portal das palabras, unha web con vocación de ser unha guía na práctica do idioma para todos os públicos. Dentro do portal e da web da RAG, está incluído o novo dicionario electrónico de galego que, a partir de agora, poderá ser consultado en rede e tamén en teléfonos e tabletas.

O Portal das palabras (www.portaldaspalabras.org) ofrece unha amplo abano de posibilidades para quen busque interacción ou información sobre o galego. Ademais do dicionario completamente renovado para o seu uso dixital con apartados de sinónimos e antónimos, co buscador de termos ampliado nas súas funcións, o novo portal ofrece unha serie de seccións de carácter divulgativo, didáctico ou lúdico. Espazos como a Palabra do día, para coñecer a etimoloxía de palabras polas que poden preguntar os usuarios, ou Mira que din, un observatorio que pretende ir marcando as tendencias no uso das palabras na rúa.

O novo portal ofrece dúas seccións de vídeo. Nunha delas, os académicos responden ás dúbidas dos usuarios. Na outra, a RAG invita a outra xente a comentar determinados aspectos léxicos.

Xogar coas palabras é a posibilidade doutra das seccións, que ofrece xogos para relacionar palabras con conceptos, para adiviñar significados e outros cinco tipos máis que irán medrando no futuro.

Dicionario

Ao tempo que xa dispoñible o novo portal, a RAG e a Fundación Barrié presentaron a nova versión electrónica que, con respecto a anterior, ten ampliado o seu sistema de búsqueda, permite buscar en definicións, sinónimos, antónimos e mesmo permite buscar palabras para rimar con outras. O dicionario está dispoñible no portal e tamén na web da Real Academia Galega.

Móbiles

O novo dicionario ten unha aplicación para os dous tipos fundamentais dos sistemas operativos para aparellos móbiles, Android e iOS. Esta aplicación permite a consulta de termos coa mesma operatividade que na portal e sen necesidade de conexión no momento de realizala posto que a aplicación descarga o dicionario aos aparellos. Segundo a RAG e a Fundación Barrié, as aplicacións poden tardar 24 horas en estar dispoñibles.

Para o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, «a fundación e máis a Academia levan colaborando desde 1968 e esta é unha colaboración que continuará no futuro». Para Alonso Montero, presidente da RAG, «hoxe é un día grande porque presentamos á sociedade un novo xeito de estar en contacto coa lingua».

O director da Fundación Barrie detallou que, entre outras posibilidades, «este portal quere ser, a través dos mestres, un recurso educativo». Javier López Martínez explicou, ademais, a importancia de «contar co diccionario en case calquera aparello dos que leva a xente con ela». No mesmo sentido, o secretario da Academia, Henrique Monteagudo, apuntou as posibilidades que hai nas ferramentas presentadas e tamén como o traballo dos lexicógrafos se foi «adaptando desde a investigación á divulgación ou a didáctica para adaptarse as necesidades dos tempos e dos soportes».