Francisco Castro gaña cunha historia de intriga o Premio de Novelas por Entregas de La Voz

Redacción / La Voz

CULTURA

Vítor Mejuto

A obra presentouse baixo o título «O corazón da Branca de neve» e publicarase no xornal ao longo do vindeiro mes de agosto

12 jul 2013 . Actualizado a las 21:42 h.

Unha historia de intriga de ritmo trepidante que arranca co roubo do bebé que unha inmigrante vén de dar a luz en Vigo é a gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, fallado onte. A obra presentouse baixo o título O corazón da Branca de neve e o seu autor resultou ser Francisco Castro e os finalistas foron os escritores Ana María Galego e Xesús Constela. O fallo do galardón, patrocinado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés, deuse a coñecer no transcurso dunha cea literaria que se celebrou no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.

O corazón da Branca de neve é unha historia que manexa perfectamente os recursos máis clásicos do suspense. A novela ábrese cunha enigmática escena, na que un personaxe de nome Alberto vive unha tensa espera nun bar de Vigo. De súpeto recibe unha chamada ao móbil, cominándoo a saír á rúa. Aos poucos minutos aparecerá un coche e un descoñecido entregaralle un bebé. Nos seguintes capítulos o lector saberá a procedencia do meniño, cuxa nai é unha inmigrante da que coidan os membros dunha banda criminal que aparentan ser empregados dunha organización humanitaria.

A trama desenvolverase a través das vivencias dos personaxes implicados, dende a parella que acolle o bebé, a súa nai biolóxica, os criminais implicados e os policías que deben resolver o caso. Cada capítulo está inserido nesta trama pero ao mesmo tempo presenta unha acción propia, que sustenta a tensión da novela e a fai avanzar, conseguindo deixar o interrogante da intriga para o capítulo seguinte.

Nada máis recoller o premio, Francisco Castro destacou a dificultade que impuña unha estrutura así -«pechar cada capítulo con 3.500 caracteres converteuse nun pesadelo», dixo-, pero ao mesmo tempo a satisfacción de saber que ese suspense tirará do lector: «Esta é unha historia que a xente empezará o 1 de agosto, e que espero que volva a ela o día 2, e o día 3, e así ata chegar ao día 31». Non obstante ser a intriga o motor interno da novela, os personaxes principais da historia son de carne e óso e teñen unha complexa personalidade de seu, que Francisco Castro capta na narración, e que comparte co resto da súa obra «unha carga de reivindicación».

A novela publicarase no xornal e na súa edición dixital, a razón dun capítulo por día, ata sumar 31. Como nas edicións anteriores, a historia contará coas ilustracións de Juan Carlos Abraldes. Ademais da publicación da obra nas Páxinas Literarias, o premio ten unha dotación económica de 6.000 euros.