A Xunta manterá no 2014 a partida de 575.000 euros para a Academia

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xesús Alonso Montero, na Academia, xunto a un busto de Emilia Pardo Bazán.
Xesús Alonso Montero, na Academia, xunto a un busto de Emilia Pardo Bazán. césar quian< / span>

Alonso Montero pide que o Goberno galego «supla» o recorte de Wert

03 oct 2013 . Actualizado a las 10:52 h.

Non haberá aumento, pero tampouco recorte. Fontes da Xunta subliñaron onte que o Goberno galego manterá para o 2014 a mesma partida global destinada ao financiamento da Real Academia Galega que a que xa concedeu no presente exercicio. A RAG recibirá, a través de diferentes subvencións, transferencias correntes e convenios coas secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística, un total de 575.000 euros.

Desde o Goberno galego destacan que no actual contexto económico resulta imposible asumir unha subida desta asignación, polo que os esforzos centráronse en conservar as actuais dotacións. No orzamento da Academia para este ano, a aportación da Xunta representa máis da metade dos 976.000 euros do presuposto total da corporación.

Unha axuda adicional

Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, explicou onte que «comprende» que nas actuais circunstancias, cando o Goberno central introduce recortes en todas as partidas, a RAG vexa reducida tamén a súa asignación por parte do Ministerio de Educación y Cultura, que pasará dos 341.000 euros do presente ano a só 273.000 (un 20 % menos) no 2014.

Alonso sinalou, non obstante, que desde a Academia se está a analizar o impacto deste recorte no orzamento da institución e que se estuda presentar ante o ministerio a petición dunha «axuda adicional». «Comprendemos que se hai recortes en todas as materias nós non podemos quedar excluídos desas decisións, e o asumimos, pero tamén queremos que o ministerio comprenda a nosa situación especial», apunta o presidente da RAG, en clara alusión á precariedade das contas da Academia e á importancia que nestas teñen as subvencións do Goberno central e da Xunta en comparación con outras institucións, como a propia RAE, que teñen unha ampla plataforma de patrocinadores privados. Alonso Montero tamén avanzou que a outra alternativa que manexan é solicitarlle á Xunta que «supla» dalgunha forma a redución imposta polo ministerio que dirixe José Ignacio Wert, algo que parece que xa non entra nos cálculos do Goberno galego, que onte subliñou o «esforzo» que supuña xa conservar o actual nivel de gasto.