A Biblioteca Nacional recibe unha trintena de obras de Siro

x. f. redacción / la voz< / span>

CULTURA

O aventureiro Miguel de la Quadra.
O aventureiro Miguel de la Quadra.

O artista e humorista doa caricaturas e debuxos que reflicten os tempos da Transición

03 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O artista, debuxante e humorista Siro López (Ferrol, 1943) vén de doar unha ampla mostra do seu traballo á Biblioteca Nacional de España. Trátase dun conxunto de trinta caricaturas de diversos personaxes coñecidos da vida política, social ou deportiva española, ademais dun monllo de debuxos nos que no seu día recolleu a súa visión persoal de noticias destacadas nos anos da Transición. A gran maioría destes traballos foron publicados orixinariamente en La Voz de Galicia.

Precisamente foron eses traballos datados na segunda metade da década dos anos setenta a orixe desta doazón. Siro participou este ano na mostra da Biblioteca Nacional La Transición en tinta china e o seu comisario, Francisco Bobillo, pediulle se podía regalar algún dos debuxos, que reflectían noticias como a do xuíz que se negou a poñerlle Libertad por nome a unha nena ou a da detención da filla de Franco en Barajas cargada de xoias e con destino a Suíza. Siro doou estas ilustracións mais a colección de caricaturas, feitas con diversas técnicas como ceras, témpera, pastel ou acuarela.

Non foi a única entrega do debuxante galego, xa que tamén participou na exposición que o Museo del Ejército de Toledo lle dedicou a Antonio Mingote e que se pode visitar ata o día 12. Siro, que declara a súa admiración por Mingote, «o máis grande debuxante humorístico de España», preparou un gran cadro no que o recentemente finado artista era recibido no ceo por Velázquez, Van Gogh, Picasso e Goya, entre outros. Os responsables da mostra, que dedicou tres salas á obra de Mingote, que tamén fora militar, pecharon o percorrido do visitante cunha selección de debuxos doutros ilustradores na súa homenaxe, e que concluía co retrato múltiple de Siro. Unha vez rematada a exposición permanecerá no museo toledano.