O PEN Galicia distingue a Pepetela, Claudia Piñeiro, Antoni Serra e Kirmen Uribe

X. F. redacción / la voz

CULTURA

24 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Coincidindo coa conmemoración do aniversario de Rosalía, o Centro PEN Galicia fallou os premios que levan o nome da escritora, instituídos en 1996 e de carácter bianual, e que teñen por obxectivo distinguir a traxectoria relevante de catro autores en lingua portuguesa, castelá, ibérica e vasca.

Nesta ocasión, os galardoados son o escritor angolano Artur Carlos Maurício Pestana dos Santos, máis coñecido como Pepetela; a arxentina Claudia Piñeiro, o mallorquín Antoni Serra e o vasco Kirmen Uribe. Todos eles foron elixidos por unanimidade por un xurado formado por Luís González Tosar, Miro Villar, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Xosé Lois García e Xabier Castro Martínez.

Pepetela (Benguela, 1941) é o narrador que resume o período de independencia de Angola e, como escritor, xa recibiu en 1997 o premio Camões.

Claudia Piñeiro (Buenos Aires, 1960) é descendente de emigrantes galegos e na súa traxectoria conta con títulos como Las viudas de los jueves ou Un comunista en calzoncillos, no que lembra a figura do seu pai.

Antoni Serra (Sóller, 1936) é narrador e xornalista, e na súa obra tamén destacan a súa produción memorialística, con catro importantes dietarios. Tamén é autor de novela negra.

Kirmen Uribe (Ondárroa, 1970) recibiu o Premio Nacional de Narrativa por Bilbao-New York-Bilbao. O seu último libro é Lo que mueve el mundo.

Os catro escritores recibirán o premio Rosalía a finais do mes de maio no salón nobre de Fonseca, na Universidade de Santiago, colaboradora dos premios xunto coa Consellería de Cultura. En anteriores edicións premiouse, entre outros, a Saramago, Torrente Ballester, Nélida Piñón, Valente, Sabato, Isabel Allende e Gamoneda.