Os Mestre Mateo vense en familia

CULTURA

Os Rey Abal comentarán mañá con Roberto Vilar os premios do audiovisual galego dende o sofá da casa

11 abr 2014 . Actualizado a las 15:26 h.

| Iván quere ser actor. Arquitecto, non. Actor. Así que cando viu o anuncio dun cásting de familias no seu instituto, non o pensou. Os Rey Abal non sabían aínda no que se meteran. Ían todos, menos Iván, convencidos de que non os ían escoller. Pasaron as probas. E mañá serán os encargados de sacarlle punta á gala dos premios Mestre Mateo. Estréanse polo grande, porque nin viran nunca unha gala de premios nin sabían o que eran os Mestre Mateo. «Agora voullo explicando á xente», aclara Begoña, a nai de Iván e de Noemi, diante dun prato de polbo e unhas cuncas de viño. «Agora que nos meteu a todos nesta foliada pois que o disfrute».

Son de Arousa, terra do albariño, e de viño na casa teñen o mellor. Ata van entregar un dos premios. O que non se sabe aínda é se Kate Winslet, a actriz que quere coñecer Iván -foi unha das preguntas do cásting- poderá ir. «Igual lle sae algo no último momento, como a Wert, e ten que ir para Londres», avisa Roberto Vilar. Se non é a Winslet, a Iván ben lle vale Cristina Castaño. A ver se hai sorte.

Será Vilar o condutor dunha gala que ademais de recoñecer o labor do último ano no audiovisual galego, quere homenaxear a quen de verdade fai grande o sector: o público.

Por iso será protagonista unha familia que, no salón da casa, irá comentando o devir do espectáculo. Así que mañá Evaristo e Begoña, os pais; Rogelio, Rosa e Secundina, os avós; e Noemi e Iván, os fillos, sentarán diante da tele para non perder nin un chisco da gran festa do audiovisual feito en Galicia. Un audiovisual que ve esta edición dos Mestre Mateo como un xeito de ollar cara a atrás e premiar o que se fixo, pero máis aínda como un momento no que mirar cara a adiante e «dicir que imos seguir contando historias, porque isto é o que nos gusta e é o que se nos demanda. Isto ten futuro». Antonio Mourelos é o presidente da Academia Galega do Audiovisual e un dos actores favoritos de Evaristo, que prefire os malos das series. E Mourelos era o malo de Rías Baixas, unha das ficcións preferidas desta familia, que nomea tamén Mareas Vivas, unha produción coa que estaba ata disposto a renunciar ao fútbol e iso que é un forofo do Madrid.

Rogelio era máis de cine, malia que a familia recoñece que o cinema é caro, moi caro. Aínda se lembra Rogelio de Mariah, unha película que botou dous anos nos cinemas de Barcelona. O cine de agora... «agora hai tele». E a Rosa gústanlle Padre Casares, Matalobos e case todas as producións que se emiten. Con esta familia queda demostrado que o tópico de que o audiovisual español, e o galego, non ten espectadores, que non gusta, pouco ten que ver coa realidade. Evaristo acéndese. «Non estou para nada dacordo», e Iván, de feito, di que prefire moitas veces o audiovisual feito aquí que «as americanadas». Apoio si, pero sempre sabendo distinguir o que gusta do que non e facendo «crítica construtiva» para que as cousas poidan seguir mellorando, apunta Evaristo.

Coinciden todos con Mourelos, que lembra que «estamos a piques de asistir a algo inaudito e incrible con Ocho apellidos vascos. Isto, e poño na man no lume, ninguén nin o máis forofo e convencido das calidades e cualidades de Ocho apellidos vascos, imaxinaba que ía acontecer». Así que hai público, claro que o hai, e «a xente está moito co traballo galego».

Un circuito alternativo

O problema, en realidade, e especialmente co cinema, é a distribución. «Non hai pantallas para exhibir as películas, e se están están tres ou catro días». Por iso, Mourelos aposta pola creación de un circuíto alternativo de exhibición, porque o actual está dominado polas grandes majors que «deciden o cine que se ve». O éxito vén avalado por casos, que se deron, de creadores que co seu produto debaixo do brazo foron exhibíndoo por canto cineclube había, «e eses cines estaban cheos».

Será difícil, e máis nun contexto de crise como este, pero pódese pensar na colaboración dos concellos e os cineclubes. É o actual un contexto no que hai moitas menos producións e nalgunha os profesionais chegan a embarcarse sen saber cando cobrarán. Algo que para Mourelos é inadmisible, e de feito subliña que «espero que se poida reflotar a situación e que calquera cousa deste tipo sexa puntual e un conflito moi determinado. Ata onde eu sei son casos esporádicos», porque as produtoras «saben facer moi ben o seu traballo e se non poden, non se meten».

Pero a eses casos que se están a dar «hai que buscarlles solución inmediata. Non é bo que a xente faga ningún traballo sen cobrar e non é nada bo que alguen se plantexe que vai facer algún traballo sen saber se vai cobrar».

A cousa está mal. O paro no sector, segundo Mourelos, acada o 60 %. Pero como ben indica Roberto Vilar, «se falas cun hosteleiro vaiche dicir que está mal, e se falas cun mariscador vaiche dicir que está mal». Evaristo asinte. A crise tócanos a todos, e por iso o presidente da Academia Galega do Audiovisual cre que «hai moitísimo talento e moitísima xente que ten moitos anos de experiencia e fai moi ben as cousas. Antes de dicirlles ?tes que marchar? hai que darlles polo menos unha última oportunidade para que dende aquí poidan seguir facendo cousas».

Pero o 21 % de IVE mancou moito a cultura. Sábeo tamén o presidente da academia, que engade que se antes os acusaban de estar subvencionados, agora é o propio audiovisual o que financia o Estado, porque o investimento en cultura continúa á baixa mentres a recadación medra.

Parte positiva

Se a da fidelidade do público, representada pola familia Rey Abal, é unha das alegrías deste 2013 para o audiovisual galego, a outra é que a xente quere seguir contando historias. «Incrementouse moitísimo o número de webseries que participan. Iso quere dicir que hai un montón de xente nova e con moitas de ganas de facer cousas e que o que menos lles importa é o formato», di Mourelos. De feito, sinala, ademais das webseries, moi en boga nos últimos anos, están os videoclips, mentres que outro tipo de producións van quedando atrás.

Pero tamén recoñece que as categorías dos formatos máis clásicos repártense entre apenas catro ou cinco producións. «Hai menos producións, iso está claro, moitísimas menos». Non hai tampouco investimento, e o presidente atrévese a predicir o futuro: é probable que nos próximos premios haxa moita máis variedade, porque proxectos que quedaron parados no 2013 están saíndo adiante, con retraso. E poida que no 2015 asistamos a proxectos «de certa envergadura, de certo peso».

A estas horas, a familia Rey Abal estará preparándose para coller o mando dos Mestre Mateo. Longa vida ao sector audiovisual galego.