A poesía e as traducións de Díaz Castro chegan ás librerías

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Díaz Castro, en un homenaje que se le rindió al poeta en su pueblo, Guitiriz, a finales de los años 80.
Díaz Castro, en un homenaje que se le rindió al poeta en su pueblo, Guitiriz, a finales de los años 80. X. MARra< / span>

Entre as novidades do Día das Letras destacan obras inéditas do homenaxeado

28 abr 2014 . Actualizado a las 10:30 h.

De cara á celebración do vindeiro 17 de maio comezan xa a chegar ás librerías edicións da obra do autor homenaxeado este ano co Día das Letras, Xosé María Díaz Castro. Galaxia está a piques de publicar a poesía galega completa do escritor, nun volume de 480 páxinas en edición de Armando Requeixo. Ademais do seu senlleiro libro Nimbos, o tomo inclúe o tríptico de sonetos Nascida d'un sono, pezas aparecidas en xornais, revistas e volumes colectivos que nunca foran recompiladas, xunto con cadernos poéticos inéditos, entre os que destacan Follas verdes e Follas ô aire, ambos anteriores á Guerra Civil, e unha trintena de poemas que nunca chegaron ao prelo.

Inédito é tamén o material que conforma o libro Sombras radiantes y otros poemas (Eneida), desta volta a súa produción lírica en castelán. Ao coidado tamén de Requeixo e Luís González Tosar, o volume presenta o poemario Sombras radiantes, que o propio Díaz Castro entendía que recollía o mellor dos seus versos na lingua de Castela, xunto con textos que apareceron no seu día na prensa e diversos poemas tomados de cadernos manuscritos e borradores mecanoscritos.

Versión definitiva de «Nimbos»

Doutra banda, quen queira achegarse unicamente ao poemario Nimbos, pode facelo na nova edición que vén de publicar Galaxia, que segue a versión coas correccións estipuladas polo propio Díaz Castro para unha reedición na colección Dombate en 1989. Luís González Tosar participou activamente na elaboración daquel volume e agora, neste, asina unha introdución na que, ademais de achegarse á poética do escritor chairego, explica demoradamente os cambios e os criterios para fixar a edición definitiva de Nimbos.

Por último, o Consello da Cultura Galega achégase nun cartafol de dous volumes á faceta como tradutor de Díaz Castro, cun limiar de Ramón Villares e un estudo introdutorio de Armando Requeixo. O lector pode coñecer así as traducións, éditas e inéditas do escritor, quen se ocupou de autores como Rosalía de Castro, Rilke, Valery ou Aquilino Iglesia Alvariño. Un dos tomos reproduce en facsímiles as traducións.