O libro que o xornal ofrecerá o día 17 combina biografía e antoloxía poética
11 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Quen queira achegarse á vida e á obra de Xosé María Díaz Castro, o escritor a quen este ano está dedicado o Día das Letras Galegas, ten no libro que ofrecerá La Voz de Galicia o vindeiro día 17 unha guía concisa, amena e rigorosa á súa biografía e á súa poesía. O xornal achega aos seus lectores Xosé María Díaz Castro, para alumear o mundo, un volume co que se suma á celebración da xornada festiva das letras e que se publica na súa senlleira colección Biblioteca Gallega. Escrita por Luís González Tosar, amigo e bo coñecedor do espírito literario do autor homenaxeado, a obra combina a biografía cunha selección de textos de Díaz Castro, e poderá mercarse o propio día 17 polo prezo de 1 euro.
«Díaz Castro constitúe un modelo de poeta esixente, preciso, dos que transmiten emocións, sentimentos, dos que rescatan a esencia, esa levedade á que chamamos Poesía, expresada a través de símbolos universais», escribe Tosar na introdución sobre o autor chairego. As seguintes páxinas están dedicadas a trazar un rápido mais completo percorrido biográfico: a súa infancia e adolescencia, o seu paso polo Seminario de Mondoñedo, a Guerra Civil, o seu destino como profesor en Vilagarcía e despois o seu labor como tradutor en Madrid e, por último o regreso ao seu Guitiriz natal, onde nunca se esvaeceu a súa lembranza. Tosar tamén se ocupa do célebre poemario que publicou en vida Díaz Castro, Nimbos, e os avatares que rodearon a sucesivas reedicións, así como das homenaxes que se lle tributaron recentemente.
Os versos de «Penélope»
Precisamente é Nimbos o que fornece un bo número dos poemas que forman parte da antoloxía na segunda parte do libro, incluído o famoso Penélope, cuxos primeiros versos aínda resoan con forza: «Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move». Aínda que son varios os poemas de Nimbos os escolmados, o lector tamén poderá coñecer mostras de obras que Díaz Castro deixou inéditas, como Follas verdes ou Follas ô aire, ou Nascida d?un soño, premiada nos Xogos Florais de Betanzos.
O volume Xosé María Díaz Castro, para alumear o mundo complétase cunha selección dos seus poemas noutras linguas, así como traducións, unha actividade á que o escritor se dedicou de xeito profesional. Neste caso, son poemas de Rilke e Víctor Hugo. Por último, tamén se achegan varios textos en prosa, como o dedicado a Aquilino Iglesia Alvariño ou o que preparou para a presentación da revista de poesía Dorna. O libro conta ademais cunha escolma fotográfica de diversas épocas da vida de Díaz Castro, da súa infancia á madurez.