Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Xosé Neira Vilas: «José Martí ten moitas referencias a Concepción Arenal e Pardo Bazán»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O escritor lembra nun novo libro como en Cuba ía «cortar cana co Che»

09 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) é moito máis que Memorias de un neno labrego. É a memoria de moitos persoeiros: Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, Ernesto Che Guevara, Luís Seoane, Díaz Pardo... Con moitos deles mantivo correspondencia: «Pero por cada unha das súas cartas hai tres miñas, porque eu quería saber moitas cousas», dicía onte. «O número non importa moito», asegura, pero vai polos 50 libros publicados, «contando as traducións». Os dous volumes últimos presentounos onte na Feira do Libro da Coruña: Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade (Ediciones Bolanda) e Días de Cuba (Galaxia).

-¿Son as lembranzas de Cuba?

-É a memoria dos meus 31 anos na illa de Cuba, da vida laboral, xornalística, sindicalista, a relación co Che Guevara...

-¿Que relación tivo co Che?

-Eu traballaba no organismo onde el era ministro. Durante tres anos fun ás reunións con el, que duraban sete horas. Tamén fixen traballos voluntarios con el: os domingos pola mañá iamos cortar cana e falabamos de Bos Aires, de Arxentina, que lle interesaba moito. Era unha relación próxima, cotiá.

-¿Cando o veu por última vez?

-En 1964 foi a última reunión no ministerio, marchouse e non dixo nada. Especulábase que estaba cortando cana en Camagüey, pero fora ao Congo; alí veu que non se podía facer nada porque todo eran tribos. Volveu a Cuba uns meses pero non se deixou ver, só a uns poucos, e logo marchou para Bolivia. Antes de que se fose, Fidel reuniu a varios excompañeiros nunha comida co Che e non o coñeceron porque cambiara o acento, seseaba, falaba gallego como dicían alí, pero era español. Era un tipo brillantísimo, con elevadísima cultura, dunha capacidade de traballo inmensa a pesares da asma, e cun sentido solidario extraordinario.

-¿E con Nicolás Guillén?

-Trateino moito. Eu non podía ser membro da Unión Nacional de Escritores y Artistas de Cuba que presidía Guillén e el chamou un día a Benedetti, a Francisco Mota, que era un exiliado de Málaga, e a min. Díxonos que eramos como cubanos e ingresamos. Fíxenlle a tradución ao galego de 39 poemas. Eramos moi amigos, o mesmo que de Alejo Carpentier, que tamén lle fixen a tradución de Camiño de Santiago.

-¿Por que inclúe a Martí?

-José Martí, o gran poeta e libertador de Cuba, non estivo nunca en Galicia pero na súa obra ten moitas referencias a Concepción Arenal, a Emilia Pardo Bazán e a Rosalía. Tamén escribo da relación de Fidel cos galegos.

-¿Desde cando coñecía a Isaac Díaz Pardo?

-Coñecino en Arxentina no ano 1955 e estiven na fábrica de cerámica que fixo nas aforas de Bos Aires. Logo reencontramos aquí, en Galicia, e a miña compañeira, Anisia Miranda, e mais eu vivimos ano e medio en San Marcos; alí ten alí habitacións e ocupámolas nós mentres facían a nosa casa en Gres. Foi unha experiencia moi rica. Logo presenteino varias veces, demos conferencias conxuntas e no libro aparece tamén o que dixen o día do seu enterro en Santiago.

-¿Escribíanse moito?

-Son 110 cartas que me mandou e acumulei e 175 que eu lle mandei a el; é a correspondencia de medio século, onde está toda a vida cultural, política e social de Galicia. Eu faláballe de Cuba, que lle interesaba moito como era a evolución institucional xa que todo era novo, e el falábame do que estaba pasando entonces en Galicia, o que eu quería saber.

-Ultimamente está publicando moita correspondencia ¿non?

-Acaba de saír en Embora Epistolario diverso, o cuarto libro de cartas que publico, porque agora xa non se escriben cartas. Galaxia editou tamén un libro de 304 cartas con Del Riego, con Paz Andrade, Celso Emilio... Teño moitas máis cartas, pero son de xente que está viva e por iso non deben publicarse.

-¿Sigue escribindo?

-Ata que o corpo aguante. Estou con Roi Casal traballando nunhas letras. E teño un libro disco con poemas e cancións cantadas por Galinova que se titula Cantos de sol a sol e sairá en setembro. E Mini e Mero tamén están con cantos de emigrantes de retorno.