
Ferro Ruibal destacou a súa contribución á «ciencia e conciencia» de Galicia
16 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.«O que eu aprendo teño que comunicalo porque lle pode interesar a alguén». Con esta frase resume Fernando Filgueira Iglesias, fillo de Xosé Filgueira Valverde, o acento que o seu pai poñía na transmisión do coñecemento, sen a cal non concibía o seu traballo. Un labor que tivo por obxecto a «ciencia e a conciencia de Galicia», como quedou onte de manifesto no acto de presentación do libro O noso Adral. Antoloxía de artigos publicados en La Voz de Galicia, e que se poderá adquirir mañá co xornal por 1 euro.
Como xa é tradición, La Voz presentou na sede coruñesa da Real Academia Galega o libro dedicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, «unha contribución eficaz», en palabras do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero: «Un xesto que vai máis alá dun aceno, algo moi importante para Galicia, a súa lingua e a súa literatura». Poñendo o fincapé na divulgación, Filgueira quería chegar a un público o máis amplo e diverso posible, e este volume segue ese ronsel ao achegar a milleiros de lectores uns contidos igualmente variados, mais cun denominador común: Galicia.
«¿Como sería Galicia se non existira Filgueira?». A pregunta de Xesús Ferro Ruibal, antólogo do volume e autor da súa introdución, pairou sobre o auditorio ata que el mesmo foi debullando a resposta: o Museo de Pontevedra, «a sexta catedral de Galicia, sería un museíño»; Milladoiro, Carlos Núñez ou Amancio Prada -presente no acto- non poderían gravar cancións populares a partir dunhas fichas que sen a intervención de Filgueira comerían os ratos; non habería edición facsimilar das Cantigas de Santa María ou a lingua galega non entraría no ensino en 1970; «en 1970», remarcou o académico.
«Pouca xente en Galicia foi capaz de escribir así», asegurou o antólogo despois de escoitar á xornalista de V Televisión Paloma Ferro ler A esmola e Os xogos, textos de Filgueira. Ferro Ruibal definiu ao homenaxeado como «un milagre na longa noite de pedra, o piar central do Pórtico da Gloria, que se se retira, caería todo». «De Losada Diéguez aprendeu dous conceptos, pensamento e acción, aos que engadiu un terceiro: comunicación». A ese esforzo referiuse o director de La Voz, Xosé Luís Vilela, quen propuxo aos académicos engadir á acepción de ?adro? de «adral» no dicionario a de «compendio de sabedoría que recompilou Filgueira», en referencia ao título común co que bautizou os seus textos divulgativos. Vilela lembrou a concesión do Premio Fernández Latorre en 1989 a Filgueira, algo que tamén evocou o fillo do homenaxeado: «La Voz era omnipresente na nosa casa».