Era unha persoa que se deixaba ver con frecuencia en Vigo hai algúns anos. Con todo, eu cheguei a ela como lector, descubrindo aspectos que só intuía a través da biografía que lle realizou Mercedes Queixas (Vivir, unha aventura irrepetíbel, 2011) onde se revela tanto a súa sólida personalidade, fiel sempre a uns principios que abrazaban modelos pouco convencionais e heterodoxos, como a importancia dunha extensa obra literaria: un dos seus legados máis prezados.
Do trato ocasional que gocei con ela lembro a súa extraordinaria memoria, o seu profundo interese pola literatura e a súa cortesía. Hai ano e medio, grazas a unha amiga e cando xa sufría problemas derivados da súa doenza, respondíame ás preguntas formuladas no Cuestionario Proust afirmando, con optimismo, que o seu lema era «vivir», aínda que fose «a pesar de». Ao tempo, soñaba cun «bosque pequeno e verde onde vivir Galiza plenamente»: confío que estea nel para todo o sempre, se é oíndo a Bach e con algo de jazz de certo que mellor.