Deseñadores galegos organizan o seu primeiro encontro en Rianxo

E. B. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Varios profesionais do deseño galego, entre outros Pepe Barro, Marcos Dopico e Óscar Otero, porán en común a súa experiencia neste campo participando nas diferentes actividades

26 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Deseñadores Galegos (DAG) organiza o primeiro encontro galego para analizar a situación da profesión no seu entorno máis próximo. A xuntanza celebrarase os vindeiros venres e sábado (xa 1 de agosto) no auditorio do Concello de Rianxo. A entrada é libre ata completar o aforamento, pero tamén se pode garantir a praza enviando un correo electrónico á asociación (info@asociaciondag.org).

Varios profesionais do deseño galego, entre outros Pepe Barro, Marcos Dopico e Óscar Otero, porán en común a súa experiencia neste campo participando nas diferentes actividades programadas ao longo dos dous días que dura o evento.

Os debates e as conferencias tratarán temas de amplo espectro, como a tipografía na identidade corporativa, a proposta dunha política de deseño para Galicia ou o estudo e arquivo do deseño da comunidade.

Proxectos propios

Ademais, o primeiro encontro destes profesionais tamén contará con presentacións de proxectos autóctonos de diferentes eidos do deseño, como a comunicación visual e a comunicación en Internet.

Nas actividades participarán algúns dos estudos galegos con máis proxección internacional, como o equipo de A Navalla Suíza ou a empresa coruñesa de comunicación visual Costa.

O sábado día 1, ás 11 de mañá, Pepe Barro, promotor deste primeiro encontro de deseñadores, falará de Arquivar, mostrar, estudar o deseño galego.

O encontro pecharase o sábado, ás sete da tarde, coa visita á casa do rianxeiro Manuel Antonio guiada polo escritor Xosé Luís Axeitos, encargado do contido do museo e especialista na figura do poeta de Rianxo.

Máis información, na web www.asociaciondag.org