RAG e Fundación Barrié coinciden coa Fundéu BBVA na súa escolla
31 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Cun total de 417 votos, refuxiado foi elixida a palabra máis destacada do ano que remata, segundo a opinión de ao redor de 1.700 persoas que participaron na iniciativa impulsada polo Portal das Palabras para escoller colectivamente a palabra do ano 2015. Refuxiado impúxose na fase de votación ás outras cinco finalistas -feminicidio, rechouchío, indignación, xihadismo e plebiscitario-, as máis populares de entre as 170 que se xuntaron na primeira fase de propostas. Unha escolla que coincide coa levada a cabo pola Fundéu BBVA, que lle deu o seu recoñecemento ao vocábulo refugiado, ao nomealo como palabra do ano en español. Sucede na clasificación a selfi (2014) e escrache (2013). Refugiado impúxose ás outras finalistas: chikunguña, sextuplete, inequidad, poliamor, disruptivo, o me gusta de Facebook, trolear, zasca, clictivismo e dúas alternativas en español a palabras inglesas que empezaron a usarse nos medios como gastroneta para a voz inglesa food truck e despatarre, que pode substituír ao termo manspreading, co que se alude á maneira de sentarse dalgúns homes, en especial nos transportes públicos, coas pernas abertas.
En canto ao Portal das Palabras, na segunda posición, con apenas doce votos de diferenza, situouse feminicidio, vocábulo creado ad hoc como reflexo dunha situación alarmante no relativo á violencia doméstica sexista cometida contra a muller. Nas primeiras semanas do ano vindeiro, a web dedicaralle un Mira-que-din a esta palabra, sobre a que non existe polo de agora un pronunciamento normativo. O terceiro posto, e tamén por escasa marxe, foi para rechouchío, dando conta da consolidación das formas de noso no ámbito das redes sociais.
Ao longo do ano, como resultado da violencia en Oriente Medio, en particular da guerra de Siria, produciuse unha crise humanitaria internacional, con milleiros de persoas obrigadas a fuxiren dos seus países de orixe cara a Europa. A chamada crise dos refuxiados detentou o interese informativo e circularon imaxes que provocaron un grande impacto na conciencia social, ao tempo que se publicaban milleiros de textos, noticias e comentarios sobre o tema, facendo de refuxiado unha palabra clave e de máxima actualidade no 2015.
Haneke filmará unha película con inmigrantes ilegais en Calais
O austríaco Michael Haneke, gañador de dúas palmas de oro en Cannes, filmará unha película (Happy End, con Trintignant e Huppert) na zona onde se concentran inmigrantes ilegais e refuxiados en Calais, á espera de cruzar a Gran Bretaña. Non serán o tema da cinta, pero si serán «mencionados e integrados» nela.