Terra esquecida

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Remata o 2016 e o centenario das Irmandades da Fala debera ser a efeméride impacto. Houbo declaración institucionais, actividades, interesantes publicacións e, froito dun acordo entre a Deputación da Coruña, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego, a exposición Saúde e Terra, irmá(n)s percorreu as sete cidades do país. O espírito das Irmandades, como fundamento da identidade propia, como afirmación diferenciada, sabido é que abrangue un antes e un despois da xuntanza do 18 de maio de 1916, no 38 da coruñesa rúa Real. Aí está o chamamento de Aurelio Ribalta, os artigos de Antón Villar Ponte en La Voz de Galicia e outras accións, dentro e fóra, na procura da superación do rexionalismo: galeguismo político, circia defensa do idioma e, como non, ideas de progreso que irán cristalizando de vagar, asemblea tras asemblea. As Irmandades evolucionaron desiguais, e por iso, no seu cuarto plenario (Monforte, 1922) chegou a fractura. Daquela, Vicente Risco comanda, como conselleiro supremo, a Irmandade Nazonalista Galega, con férrea estrutura orgánica, fronte ao sector coruñés, liberal e republicano, con chiscadelas masónicas. Dúas vías que chegan ata 1931, cando desaparezan as Irmandades e naza, en Pontevedra, o Partido Galeguista. Trátase dunha situación complexa, con cheas e devalos, mais sempre cun correlato, a outra Galicia. Sen termos en conta as iniciativas e aportes que xorden no seo das colectividades de Cuba e Argentina, malamente poderemos achegarnos a esta etapa, e a outras, da nosa historia. Sabemos por Alberto Vilanova, na súa monumental obra Los gallegos en la Argentina, que un grupo de patriotas residentes na capital porteña reunidos o 13 de setembro do devandito 1916, escoitando a Julio Carballo Enríquez (Ourense, 1861-Buenos Aires, 1928), avogado e xornalista que, xunto con outros conterráneos, case todos ourensáns, fundan a asociación cultural A Terra, cun programa que asume, na totalidade, o das Irmandades. Temos fontes de información, estamos na era da comunicación e das tecnoloxías, pero o estigma continúa: a Galicia de alén mar segue lonxe de nós. Acurtemos distancias.