Poesía ad ovo

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

23 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Remata 2016 e ben seguro que as persoas que se adican á nobre e necesaria arte da crítica literaria andarán atarefadas cos resumos anuais. Trátase, no fondo do trelo, de administrar, sempre con criterio, nunca á toa, un par de verbos que, por certo, non figuran no ansiado dicionario académico: parabenizar (forma que me produce noxo) e ningunear (co fino que queda «non facer aprecio»). Refírome a libros, por suposto. Mais diso é do que se trata, de tirar coa máscara do cumprimento e xogar duro, como din no Brasil. Ser máis atrevidos e directos, chegar ó cabo sen reviravoltas inútiles. E velaí que asexando no noso País dos Libros, en Biosbardia, atopamos, da mau rexa de César Lorenzo Gil, a grande nova desta ducia de meses que chega ó derradeiro: Xohana Torres, escritora que nunca frecuentou cenáculos e que semellaba retirada do mundanal ruído -tamén da RAG, claro- ata o extremo de non sabermos dela os seus amigos, retorna para estremecernos.Aí está o libro, as Elexías a Lola, sutil cartografía das lembranzas, como titula Lorenzo Gil en Biosbardia. Outravolta a voz de Lola, avoa e fala do Ribeiro de Avia, muller capaz de se converter en balea polo sinxelo feito de mudar de forma. Con ela, canda ela, a hoxe avoa Xohana, logra emocionarnos. Poemario de fermosa fasquía, noraboa a Engaiolarte Editorial, nomeadamente a Xosé Fernández Puga, le va anteposta adicatoria de puño e letra, «Ao meu neto Xavier». Firme e clara grafía da autora, verso limpo e cálido, sen confusa faramalla. Sibila-Dolores sempre no recordo, palabra e aceno agudo de Xohana Torres, luz das súas meniñas, relato de todas as voces do mundo… E así ata pecharmos o círculo, porque sabemos que lembrar manca. De vagar, cando o tempo xa non é noso, cando non nos pertencen as horas, cando o coitelo abre a ferida de contado, cando se abre o corpo. Xusta medida a deste impacto, máis que poemas, recuperación do cerne de Estación ao mar, esencia da Poesía reunida (1957-2001) que preparou Luciano Rodríguez e que editamos na colección Arte de trovar, arrecendo permanente, auga lizgaira que refresca todo. Poesía ab ovo, dicía Horacio, ser poeta desde a orixe máis remota, como Xohana Torres, a que nunca calou, a que ten consigo o ovo de Lada, do que naceu Helena, a imparable forza ovoide, ímpeto e paixón, esperanza viva, música e canto total. Libro deste ano, e dos que veñan.