Poucas cousas suceden por casualidade. Case sempre hai algo ou alguén detrás. Así, ó ver entre as efemérides deste 2017, marcadas pola Consellería de Cultura, o 120.º aniversario do nacemento do autor de A esmorga, Ángeles Fernández, anxo de Blanco-Amor, a máis fiel e a que máis sabe dil, chámame. Como sabes, dime, entrando eu na biblioteca da Deputación, Eduardo Modesto veu ó mundo, segundo a partida do xulgado, o 14 de setembro de 1897, no n.º 27 da rúa Lepanto, Ourense. Nesa casa é onde está a placa posta en 1981. Pero Gonzalo Allegue, o seu biógrafo, inclinouse pola fe de bautismo, na que figura o 13, no 27 da rúa da Paz. Recordas unha nota do libro -Diante dun xuíz ausente (1993)- na que cita a acta matrimonial de Aurora Amor e Víctor Blanco, veciños do 17 da rúa…da Paz? Aínda máis, averigüei que no padrón de 1899, figuran ambos, tamén Eduardo, no n.º 22. Un lío, engade toda disposta, que se complica. Aurora, capitalina de clase media baixa, si, a florista, quen vai ser? -céntrate, Luís!- casara de primeiras con Ramón Bóveda Guerra, co que tivo tres fillos, Xulia, Castor e Camilo. Ó enviuvar é cando aparece o barbeiro, nado na inclusa de Astorga, oriundo de Mombuey, que chega a Ourense apelidándose Incógnito e que cambiou, logo, por Blanco… Eduardo, xunto con Antonio e Emilio (mortos de meses) e Marina, son, pois, do segundo matrimonio. Peeero, ten en conta que Víctor Blanco emprégase na luxosa perruquería de cabaleiros, unha das mellores de España, de Eduardo Rey Custodio, fronte por fronte do teatro Principal. Siiiii, tamén na rúa da Paz… Víctor encargábase, continúa Ángeles (co libro de Fernández Sobrino La vida en A Ponte hasta 1960, de las viñas al asfalto na mau) dun dos sillós do suntuoso local. Sabes a quen tiña de compañeiro? Ó xenro do patrón, Argimiro Prieto, primo de Julio Prieto Nespereira, o pintor, que estaba en Madrid como gravador, na Casa da Moeda… E segue o fío, mostrador por medio, os amoríos de Aurora e Rey Custodio, a foto da avóa de EBA, Consuelo, volve ó maragato, saca notas do proxecto de novela Lembranza do mi padre, que acabo de transcribir, conclúe, menuda letra. EBA débeme dúas dioptrías. Por fin, o triángulo: Praza do Ferro, Catedral, Santa Eufemia... Onde estará, Ángeles querida, a Fundación. Claro que si. Por EBA, sempre por Eduardo!