Ourense rematará o expediente de honra a Carlos Casares ao cabo de 14 anos de abrir o proceso

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

BENITO ORDOÑEZ

O 16 de maio será descuberta unha «placa-escultura» na súa memoria na praza Bispo Cesáreo

18 ene 2017 . Actualizado a las 16:51 h.

A morte temperá de Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) xerou unha chea de iniciativas e propostas promovidas ao pouco do seu pasamento que tiñan como obxectivo manter viva a memoria dunha das figuras máis sobranceiras da cultura galega do seu tempo. De institutos a prazas e de cátedras a concursos literarios serviron para darlle continuidade ao legado do autor de O sol do verán.

O mesmo aconteceu na súa cidade, aínda que algo quedou a medio facer. Logo de promover o correspondente expediente de honra, a corporación municipal de Ourense acordaba por unanimidade declarar a Carlos Casares fillo predilecto. Foi nunha sesión celebrada o 4 de abril do 2003 e poucos días despois, o 25 de abril, a viúva do autor, Kristina Berg, recollía de mans do alcalde Manuel Cabezas o título honorífico. Ademais de nomear «fillo predilecto de Ourense» ao escritor desaparecido un ano antes, o Concello acordaba a colocación dun busto de bronce coa inscrición «O pobo de Ourense, ao seu fillo predilecto Carlos Casares Mouriño» que sería encargado a un escultor da cidade. E aí quedou a cousa, polo que onte se recoñeceu dende a institución municipal.

O alcalde, Jesús Vázquez Abad, mantivo unha xuntanza con representantes da fundación que leva o nome do escritor, co seu presidente, Xavier Casares, á fronte, e logo da reunión anunciouse que «o Concello de Ourense culminará o 16 de maio o expediente de honra aberto a Carlos Casares en 2003». Naquela altura procederase a descubrir unha placa-busto do escritor ourensán na praza Bispo Cesáreo.

No ano en que as Letras Galegas homenaxearán ao autor de Ilustrísima, a súa cidade superará unha asignatura pendente dende hai 14 anos.