Acomezos do pasado século, Generosa Novais Losada -filla dun emigrante retornado a Silvarredonda, parroquia de Buxán, Rois- que se fixera mestra en Buenos Aires, onde casara cun porteño de ascendencia galega, puña escola en Padrón. Para ir e vir da aldea á vila, Generosa desprazábase nun faco, levando diante súa no cabalo ó primoxénito, Antonio Amador. O neno era un máis na escola da nai, privada, á que acudían rapazas e rapaces da contorna para aprenderen a ler, a escribir, as catro regras e ata a coser e cantar. Con oito anos, o fillo da arxentina foi vivir a Santiago cun tío cura, pero quen goberna é Minie, unha solteirona irmá do sacerdote, beata e disparatada. Medio século despois, na capital do Plata, Amador, convertido xa no xornalista e escritor Amado Villar, destacado valor das letras arxentinas, fai repaso, a petición dun colega, Conrado Nalé Roxlo, logo biógrafo seu, das décadas galaico-porteñas. Nacemento e infancia na aldea, chegada á Arxentina no centenario da República (1910), secundaria no Colegio Nacional, paixón literaria e primeiro libro, Del amor y del alma. De volta en Galicia (1920), universitario en Compostela, amigos pintores, Seoane -porteño- e Maside, febre ultraísta, La serena exaltación. Tres anos no Rif como soldado, loitando contra Abd-el-Krim, redactor en Vigo, convivindo con Bernárdez e Montesinos -bonaerenses-, tertuliano con Montes, Eduardo Dieste -uruguaio-, Blanco Torres, Paz Andrade… Colaborador de Nós, en galego, Vida Gallega e Ronsel, dadaísta, humorismo práctico, poética do absurdo. En 1926, regreso definitivo a Buenos Aires. Traballa, de primeiras, na General Motors e na Panificadora Argentina, coma calquera galego. Simpatiza co creoulismo, faise martínfierrista, agrándase en Versos con Sol y Pájaros. Coevo íntimo de Eduardo González Lanuza -impulsor, xunto con Borges, de Prisma- comparten escrita teatral: Mientras dan las seis, referente da avangarda. Conságrase con Marimorena, luz inmensa e cegadora. Interésase pola floricultura, estuda e investiga, enche os andeis da súa casa con raros volumes de botánica. Morre en 1954; «con un grano de sol entre los labios / vuelvo desnudo a la nativa rama…» orgulloso de ter sido neto do Meleiro. Poeta auténtico e imaxinativo gozou da vida con agudeza e dozura, virtudes que, como é sabido, os clásicos gregos atribuían ás abellas.