Axeada e maila friaxe destes días de atrás encargáronse de matar a pouca vida visible aínda nas árbores, ata guindar por completo a pequena rendondeza rubia das mazás do inverno, duras e sabidas. Todo mudou, dentro e arredor, cara á desolación espida, guizos e fruncias secas que quebraban coma ósos, follateirada branca nos camiños, lazo liso, carambelo pingando coa raiola… Si, quizais fose a hora dese tempo que chaman da memoria. E como case sempre, os acordos veñen depar da lectura. No noso caso ese océano avolto de esplendores, poemas, crítica e filosofía que Samuel Taylor Coleridge levaba dentro e que lle foi ditando a un tal John Morgan, ao longo de tres meses e medio, en 1815. Mentres debullo, malamente, esta épica da nugalla, superación de quen pretendeu contar a súa vida mesturanda de pensamentos, arden as achas de carballo na cociña de ferro da miña casa de Guimarás e unha ansia morna anímame a remexer no maxín. Pouso a Biographia Literaria, inclasificable anticipación. Máis que iniciador do romantismo en Inglaterra, o autor foi revolucionario de mozo -cando hai que selo-, adicto ao opio, aventureiro, editor fracasado, íntimo -logo distanciouse- de Wordsworth e Southey, sempre na procura do antes e o despois. Non se trata, non, de establecermos semellanzas, buscar o noso Coleridge cun candil de gas. Quia! Cada roca seu fuso e cada terra seu uso, apréndenos a sabia paremioloxía propia. Ao que nos atrevemos, así ao quente, é a engadir algúns nomes e lugares. Tirados de nós, claro: Mañá de sábado, onde agosto é inverno, 1969. Cheira a cloroformo na biblioteca Murguía do CG, Rodolfo Prada despide, en galego hiperenxebre, a un rapaz de dezasete anos e entrégalle tres cartas; Tereixa e Xosefina Castelao, Rianxo; Xosé F. Filgueira Valverde, Pontevedra; Francisco F. del Riego, Vigo. Travesía en barco, terceira clase, IES Santa Irene, X.L. Méndez Ferrín, cafetería Tamanaco, Lala e Laxeiro, Blanco-Amor, O Calvario, Cunqueiro, Camilo Nogueira, escultor, Lamazares. Tiptree, Essex, Londres. Compostela, La Habana (1978), ERGA, Baliñas, López Veiga, Sixto Seco, Piñeiro, Casares, Alonso Montero, Burgo das Nacións, revista Dorna, Ramón Lorenzo, Díaz Castro, A caneiro cheo (1986)… Suma e segue.