Manuel González: «A miña única decisión é promover un diálogo franco»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

César Quian< / span>

«Dada a situación da RAG -di- o menos importante é o nome dos que aspiren á presidencia»

12 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«A RAG [Real Academia Galega] ten neste momento un presidente, elixido democraticamente, que non rematou aínda o seu mandato de catro anos, que finaliza o 20 de abril, e correspóndelle ao presidente o anuncio do período electoral. Ata este momento o noso presidente non abriu aínda o proceso para a presentación de candidaturas, e polo tanto dificilmente podería eu ser candidato». Iso aclara o académico Manuel González González despois de que o pasado venres este xornal dera conta da súa presentación como aspirante a presidir a institución nos próximas eleccións, previstas para este ano.

Para este catedrático de filoloxía, «dada a situación da Real Academia Galega, penso persoalmente que o menos importante é o nome da persoa ou das persoas que poidan aspirar á presidencia da institución». Por este motivo, asegura que o que cómpre, ao seu xuízo, «é abrir un proceso de diálogo franco entre todos os membros do plenario que desemboque, de ser posible, nunha candidatura única, que evite confrontacións estériles, que estiñe as feridas aínda abertas e, sobre todo, que xere unha ilusión compartida ao redor das funcións que ten encomendadas a RAG».

Manuel González, que fora candidato nas últimas eleccións para ocupar a vacante que deixou a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín ao fronte da centenaria institución, indica nun comunicado: «A miña única decisión ata este momento é a de promover este proceso de diálogo franco sobre o papel que debe exercer a RAG na sociedade de hoxe, sobre como pode ser unha institución máis útil para a normalización da nosa lingua e o desenvolvemento da nosa cultura». Tamén fai unha reflexión afirmando que se se logra avanzar neste sentido e se logra «retomar o ambiente de cordialidade, de confianza e de unión que, por riba das lexítimas discrepancias, reinou durante moitos anos na nosa institución», el darase por «plenamente satisfeito». Remata as súas aclaracións Manuel González indicando o que pensa facer: «Só despois de concluído este proceso de diálogo necesario valorarei a conveniencia de presentar a miña candidatura ou non. Pero, en todo caso, a miña persoa non vai ser nunca un obstáculo para recuperar a unidade de acción, porque estou convencido de que, se ben as persoas son importantes, as ideas, os proxectos e a capacidade de levalos á práctica son o que realmente transcende», conclúe.