De morte matada

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

07 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En varias ocasións escoiteille a Carlos Casares como William Burroughs, o controvertido escritor beat norteamericano, matara á súa muller dun tiro no medio e medio da testa. «Estaba borracho e drogado -aclaraba sempre Carlos- e deulle por imitar a Guillermo Tell. A coitada consentíralle que lle puxese unha mazá no coto da cabeza…». Moito lembrei a Casares cando se celebrou, no 2007, o mediático xuízo que condenou por asasinato ó filósofo, fotógrafo e romancista Krystian Bala. Este intelectual polaco chegou ó atrevemento de dar claves do seu crime nunha novela, Amok. Non contaba coa lectura atenta da mesma por un dos investigadores, un policía merecente dunha cátedra de análise literaria comparativa. De quen nunca nos cadrou falar, con Carlos, foi do xaponés Issei Sagawa, o bárbaro antropófago homicida dunha rapaza holandesa nos 80 en París, onde ambos estudaban na Sorbona. Foina comendo ós poucos. Prendérono, e despois de botar uns anos na cadea, diagnosticáronlle unha falsa enfermidade mortal. Extraditárono ó seu país e alí rispou da xustiza. Ata os Rolling Stones compuxeron, daquela, Too much blood, inspirada no suceso. Sagawa, que acabou gañando sona con varios libros nos que conta o seu sádico crime, nunca chegou a ser considerado escritor. Nin sequera no Xapón. En todo caso, a Casares interesoulle sempre a xente rara, e se eran literatos ou artistas, moito máis. Por iso, ó bater por casualidade cun volume de 1913, o recentemente reeditado Espejo de los humildes: Historias de asesinos, tahúres, daifas, borrachos, neuróticas y poetas de Luis Antón de Olmet (Bilbao 1866-Madrid 1923), pensei de sócato no meu amigo Casares. E aínda máis, o autor resultou estar vencellado a Galicia. Foi funcionario de Hacienda na Coruña, onde colaborou en El Noroeste. En Madrid, trabou amizade con Basilio Álvarez e foi o abade de Beiro quen o incorporou á revista Galicia e ó movemento agrario Acción Gallega. En 1914, Olmet faise datista e funda El Parlamentario que tiña unha folla quincenal, Acción Gallega. Candidato, en 1918, por Celanova, Trives e Verín, o 2 de marzo de 1923 morre de morte matada. Alfonso Vidal y Planas pégalle un tiro no ambigú do Teatro Eslava de Madrid, nun descanso do ensaio de El capitán sin alma, obra escrita pola vítima e o vitimario.