Os 100 folios agochados de Rosalía

Rodri GArcía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

RAG

O presidente da RAG asegura que en Santiago está gardada unha obra inédita da autora galega

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Asegura Alonso Montero que nunha casa en Santiago, que non sabe situar, e en más dunha familia, da que tampouco ten datos, está gardada unha obra inédita de Rosalía de Castro. «Pero non son uns versos, uns folios, son polo menos cen ou cento e pico folios», contaba onte o presidente da RAG, ao remate da presentación dun libro de autógrafos poéticos de Rosalía no que figura unha carta inédita que recibiu a escritora de Manuel Murguía.

Montero, coa súa sorna habitual, lanzou un reto aos xornalistas para que investigaran onde se atopa o inédito. Ata apuntaba o título desa posible obra que sería Historia de mi abuelo. Xa máis serio, alertou do «risco de que se perda ese texto tan importante para a cultura galega... Esa obra non debería perderse», dixo e, despois de apuntar que non ía aludir a Marx e as súas teorías sobre a propiedade privada e pública, fixo un chamamento aos propietarios do inédito para que o saquen á luz e poda publicarse.

Non foi a única mención aos inéditos de Rosalía que se fixo no acto xa que Henrique Monteagudo dixo que non lle gustaría que os autógrafos poéticos que se presentaban «fosen a obra definitiva, senón que, o mesmo que pasou cando demos a coñecer o poema Dinche o corazón na man, cando saíu un profesor de Noia dicindo que xa eles o publicaran nunha revista, esta obra dea lugar a que máis xente que ten textos autógrafos valore a importancia de dalos a coñecer». De feito, lembrou Monteagudo, tres das novidades máis importantes deste libro xa foran presentadas hai tres anos na Academia por parte do propio académico e das profesoras María Xesús Lama, a biógrafa da poeta que exhumou Postrimerías, e María do Cebreiro Rábade, que estudou La hija del mar, «pero por primeira vez son obxecto dunha edición académica e conxunta nun volume rosaliano». Postrimerías, como salientou Monteagudo, reflicte a Rosalía máis escura, xa cerca da morte, cando escribe: «Como en el hombre la esperanza. / Morir... Esto es lo cierto / Es sueño lo demás, mentira y humo, / Y del abismo inmenso / Un cuerpo sepultose en lo profundo».

Autógrafos de escritora salvados do lume

RAG

«É ben coñecido o feito de que, gravemente doente e presentindo a súa morte inminente, Rosalía de Castro ordenou ás súas fillas que ao seu finamento destruísen os papeis que contiñan os orixinais da súa obra literaria, así a publicada como a inédita». Así empeza explicando Henrique Monteagudo o contido do libro Rosalía de Castro. Autógrafos poéticos, publicado pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié na colección Clásicos da Academia. No volume están os manuscritos que se salvaron daquela queima e, como dicía onte Monteagudo na presentación da obra, «non son refugallo, restos marxinais do labor poético de Rosalía. Son pezas moi importantes para coñecer o proceso de creación e de difusión da obra de Rosalía». De creación, «porque nós nos manuscritos temos a Rosalía que corrixe os seus textos ou que os corrixe outra man, que é a man de Murguía; isto no libro impreso non o podemos ver, nos manuscritos si, ou hai alteracións que as veces son moi significativas» como é o motivo da sombra «que é un dos motivos máis interesantes da obra rosaliana». Ademais, segundo Monteagudo, nas edicións feitas ata agora da autora de Cantares Gallegos non se recollen estas correccións «e incluso se omiten versos».

Outra aportación destes autógrafos localizados en diferentes arquivos e algúns en mans particulares é que permiten ver con máis claridade a man mediadora de Murguía na publicación dos textos, «temos máis elementos para poder valorar en que consistiu esa labor e nese sentido é moi importante o texto que publicamos en apéndice, que debemos á pericia investigadora de Diego Rodríguez, da Fundación Barrié, que é unha carta inédita de Murguía a Rosalía». Esta misiva contén «elementos moi interesantes de tipo literario», xa que Murguía suxire á súa dona que escriba un poema, dalle o tema e a forma «e iso nos axuda a entender cal é a relación intelectual entre eles». De tódolos xeitos, salientaba Monteagudo, «finalmente Rosalía non fai caso xa que, felizmente, tiña o seu propio criterio».

José María Arias, presidente da Fundación Barrié, falou de Rosalía como «a escritora nacional de Galicia» e afirmou: «A súa voz se fixo múltiple para darlle voz a unha sociedade que levaba séculos calada».

Tamén o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, lembrou a dolorosa queima da obra de Rosalía, falou dun curmán seu que está en Cuba, José de la Hermida e Castro, que anunciou que ía publicar cartas de escritora, unha publicación que non chegou a facerse nunca posiblemente por influencia de Murguía.

RAG

Monteagudo, presidente

Unha vez rematado o acto, tanto Alonso Montero como Monteagudo falaron do proceso electoral na RAG, que se concretará no plenario do vindeiro venres. «Na Academia non hai ningunha guerra. Hai unha tensión, en certa maneira lóxica en vésperas dunhas eleccións, arrastrando algo que viña de atrás, pero non hai guerra ningunha», asegurou Monteagudo, que desde o venres será presidente en funcións ata que teña lugar a votación.

«Eu non rezo porque non son crente, pero se fora crente, rezaría para que haxa un bo equipo, unha boa comisión executiva, que é do que se trata», rematou Alonso Montero.