Guarania

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

13 abr 2017 . Actualizado a las 18:24 h.

Aquilino Munín Trigás chegou a Buenos Aires en 1928. Fixo a travesía desde Vigo, no paquebote alemán Kerguelen, en tempo récord: dezasete días. Ben parecido, agudo e con algo de escola -as catro regras, boa letra e lía de corrido- non tardou en se colocar na firma López-Gamarra, do ramo da ferraxería. Os comezos foron como os de tantos e tantos, pero a vida mudoulle en aventura o día que o seu patrón lle dixo: «Ché gayego, se armó el quilombo entre Paraguay y Bolivia. Preparáte, vas a ir a vender mercadería, las guerras dan mucha plata». Tres anos servíndolle pas, picarañas, machadas e todo tipo de ferramentas ó exército paraguaio. Tres anos nos que percorreu, arriba e abaixo, o Chaco Boreal, desde o Pilcomayo ata o Paraguay, ríos que deslindan un territorio daquela codiciado polo petróleo, que logo non aparecería. Munín, nado en Xendive, Boborás, Ourense, afíxose á forza. E así, en xullo de 1938, aparece retratado nun xornal a carón do Dr. Carlos Saavedra Lamas -de estirpe galega- chanceler arxentino e artífice da paz, polo que que recibiría o Nóbel.

Aquilino regresou a Buenos Aires, liquidou as contas cos López-Gamarra e voltou ó estraño, tráxico, épico e profundo Paraguay. Nación valerosa, «realidade que delira», en definición de Rafael Barret, escritor ó que o ourensán debeu tratar. Sabemos que foi amigo de Emiliano R. Fernández, grande poeta bilingüe -en guaraní e castelán- a penas coñecido. Tivo un fillo, vinculeiro, Casiano Munín Sosa, considerado un artífice da Guarania, libre, lonxe de vaidades e egolatrías: «Mba’evé nda cheapurai…, avavé nda cheyokoi…». (Nada me mete presa, ninguén me atalla…).

Souben dil por José Antonio Bilbao, poeta e estancieiro co que coincidimos, Carlos Casares e quen subscribe, en Toronto no ano 1990. Artista destacado, íntimo de Roa Bastos, non fixaba os textos, reescribíaos de continuo e dicíaos, cada vez de xeito distinto. Tamén en jopará (o castelán-paraguaio). Décadas tecendo e destecendo, variando voces e lendas, imaxinando novas fábulas e mitos, algúns da nosa raigame. Non pechou nunca o círculo nin puxo punto final.