No madrileño Paseo de Recoletos, fronte por fronte á Biblioteca Nacional, preto da praza de Colón, está o Monumento al libro, ofrecido pola Confederación de Gremios y Asociaciones de Libreros. Poucas das moitísimas persoas que circulan a diario polo sitio saben que a xove parella de lectores alí representada, muller e home sentados, espidos e descalzos, simbioticamente unidos por un libro, coas cabezas amorosamente pegadas, naceron en Ourense. Quen me descubriu a peza foi Carlos Casares, un día que foramos xuntos á Biblioteca Nacional, a comezos dos 80. «Vente -díxome-, xa que estamos eiquí imos ver unha escultura espléndida de Buciños, inaugurouna Tierno Galván. Eu teño a reprodución en pequeno que nos entregaron ós que asistimos ó acto; encántame». Demorámonos un bo pouco alí, tempo que Casares aproveitou para contarme que Buciños, a quen coñecera en Ourense, a comezos dos 60 na tertulia de don Vicente Risco no Café Parque, era grande amigo seu. «Un artista formidable -engadiu-, tes que coñecelo, moi bo tipo, ten outro monumento ó libro, anterior a este, posto ó pouco de morrer Franco na Coruña, nos xardíns de Méndez Núñez, tamén por iniciativa dos libreiros. Cadrou daquela coa queima de varias librerías progresistas e unha das maquetas, non sei ben porque, foi dar ó despacho de Golda Meir, a primeira ministra de Israel».
E así, fun sabendo a admiración que o novelista sentía polo escultor, ata o punto de escribir, Casares, algúns anos despoixa, un texto moi interesante Aquel rapazote, publicado no volume Buciños. Artistas ourensáns (IV). Nil, define a Manuel García Vázquez, natural de Buciños, Carballedo, como «un rapaz delgado, de nariz contundente e ollos grandes, tímido e pálido, con certo aire de enfermo ou melancólico que chamaba a atención, non pola verbosidade incontinente ou a extravagancia, atributos entón inevitables nos artistas, senón pola naturalidade que se desprendía dos seus xestos e poucas palabras». E así segue a ser Buciños, pasado medio século. Comprobeino onte, na súa casa de Bobadela, diante do boceto dunha mau cun libro, obra coa que, xeneroso e fraterno, quere lembrar a Carlos, o amigo. Ímola pór na Insua dos poetas. Contra vento e marea.