Pinto&Chinto recollen o premio Frei Martín Sarmiento outorgado por alumnos e as súas familias
CULTURA

Nenos de 1.º e 2.º de primaria escolleron a obra dos debuzantes «A estrambótica illa do tesouro» coma o mellor libro do ano
10 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Alumnos e familias do centenar de colexios galegos integrados na rede Escolas Católicas (Ferega-Ceca) entregaron onte os seus premios literarios, os Frei Martín Sarmiento, que neste ano cumpren trece edicións.
Os debuxantes de La Voz de Galicia Pinto&Chinto foron uns dos galardoados. Nenos e familias de 1.º e 2.º de primaria escolleron a súa obra A estrambótica illa do tesouro coma o mellor libro do ano. Tamén foi premiado César Freira (que escribe baixo o pseudónimo Cé Orquestra Pantasma), pola súa obra Fíos do querer, a preferida dos rapaces e rapazas de infantil. Viaxe a Dragonia, obra de Xan López Domínguez foi a sinalada en 3.º e 4.º de primaria, mentres que o alumnado e familias dos dous derradeiros cursos desta etapa decantáronse por O home que sabía voar, de Xavier López López. En secundaria elixíronse dúas obras por riba das demais: Inspector Chumbo, de Xosé Lois Ripalda, e A cea das enaguas, de Ann Alfaya. María Solar con a súa As horas roubadas foi a gañadora entre os alumnos de bacharelato e de educación de adultos.
Os premios Frei Martín Sarmiento contan co apoio da Consellería de Educación, e un dos seus fins primordiais é a promoción do uso da lingua galega. De feito, no mesmo acto, entregáronse outros galardóns moi especiais: os Rec-curta. Son premios para curtametraxes feitas polos propios alumnos dos colexios da rede de Escolas Católicas, e son todos filmes en galego. Hai dúas categorías: alumnado de primeiro a terceiro da ESO; e alumnado de 4.º de ESO, bacharelato e FP. Na primeira gañaron os estudantes de terceiro do colexio Franciscanos de Lugo con Otherwise; no segundo grupo foi o centro María Assumpta de Noia, coa película Orbe.