Merecente do Trasalba

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

23 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que chegamos a Compostela en outubro de 1972, coa idea de comezar unha carreira, decatámonos doutras pegadas nas lousas das rúas, de pulsiós agochadas na rutina dos días de chuvia, borrosas no bafo húmido das tabernas e os cafés. O micromundo estudantil distribuíase, daquela, entre pensiós (poucas familiares, as máis de réxime aberto, habíaas relosas e cheirentas, pero xa abondaban as limpas e reducidas, compartillando todas o baño), colexios maiores para señoritingos, nenes de papás con posibles (as rapazas a parte dos mozos, moitas en residencias de monxas), e, só para atrevidos de ideas avanzadas, algús pisos no Ensanche. Completaban a oferta 47 pabillós de materiais precarios, El Burgo de las Naciones, erguido para o Ano Santo de 1965, acondicionado, no curso anterior ó noso primeiro, polo reitor García Garrido (xurista pacense, exprocurador en Cortes, alcumado A besta por Carlos Alonso del Real). E ó Burgo fomos dar, como bolseiros ou pagando pouca cousa, unha enxurrada de fillos e netos de labregos, mariñeiros e traballadores por conta allea, leiras e remos que a penas tiveran cabida na Alma Mater compostelá, alomenos en tal cantidade. Unha xeración. De todo houbo naquel derradeiro trimestre do 72, ata o asasinato dun compañeiro de Medicina (da parte de Noia) morto a tiros unha noite por un poli da político-social, borracho, seica. Antes das vacaciós de nadal, coñecín a Carlos A. Baliñas, que non era profesor meu de Filosofía, senón decano da facultade. Dende aquela, nun despacho provisional instalado na casa de López Ferreiro (hoxe sede do ILG), somos amigos. Il foi quen me dixo do dono do comercio de camisas, na praza de Cervantes, Rodolfo López-Veiga, imprescindible no teatro galego, ó tempo secretario do patronato Rosalía de Castro. O filósofo galeguista (non considerado entón polos progres como progre, tampouco como reaccionario) abriunos as portas da súa casa no campus, a Ramiro Fonte e outros amigos, deslumbrándonos con Otero Pedrayo, amosándonos manuscritos inéditos, levándonos á Casa Grande de Cimadevila, festexando connosco fraterno, en irmandade. Se alguén merecía o premio Trasalba, ese é Baliñas; o que nunca pide, o que ofrece xeneroso, soñando, rindo, falando… Si, como Don Ramón.