Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O tradutor de voz galego-castelán ten versión definitiva

santiago barón / i.c. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A ferramenta informática bilingüe e de acceso gratuíto CoToVía ofrece múltiples aplicacións sociais

15 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Monchiño», o primitivo sintetizador de voz do centro de investigación Ramón Piñeiro, xa ten sucesor definitivo. Chámase CoToVía e foi presentado onte en Santiago polo director do proxecto, Manuel González, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, organismo do que depende esta iniciativa pública.

Máis alá da finalidade comercial, CoToVía sobresae polos seus beneficios sociais. Trátase dun sistema de conversión automática texto-voz de carácter bilingüe (galego e castelán). Manuel González, que tamén é o director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), comparou as versións anteriores do sistema coa nova e definitiva e subliñou que nesta última «as palabras extráense da lingua natural», e xa non a partir de verbas inventadas como en versións máis vellas. Ademais, explicou que se poden «escoller distintas voces, o que o fai máis natural».

González salientou a importancia dos sintetizadores de voz coma este, iniciativa do CRPIH e da Universidade de Vigo, polos seus múltiples usos: no ensino de idiomas, na aprendizaxe da lectura de nenos con dislexia, para programar alarmas orais ou na verificación de textos. Tamén advertiu que «as linguas que perdan o carro das tecnoloxías da fala son linguas sen futuro». CoToVía é a versión definitiva na liña evolutiva do sintetizador amparado pola Xunta. Xa está dispoñible para todo o público baixo licenza de Creative Commons. Porén, o traballo do centro Ramón Piñeiro non acaba aquí, senón que seguirá co desenvolvemento de aplicacións.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, remarcou o carácter social do proxecto por riba do comercial: «CoToVía fai que xente con discapacidades á hora de acceder a información poida obtela», polo que «o que estamos facendo é eliminar barreiras». Tamén subliñou que con esta iniciativa a lingua galega non se queda atrás fronte as demais linguas: «É un dos grandes proxectos para meter o galego na era dixital».

Pola súa parte, Manuel González concluíu coa idea de «facer do galego unha lingua moderna que responda ás necesidades sociais».