
Oitavo capítulo da novela por entregas «A senda de sal», de F. J. Fernández Davila
08 ago 2017 . Actualizado a las 09:39 h.No inverno do 39, cunha guerra moribunda e afastada, as visitas nocturnas eran menos frecuentes. Como se, a base de purgas, xa non houbera máis homes que sangrar. A vila parecía unha muller enferma, famenta e minguada, coa pel verde pola enchente de bile acumulada, que non tiña máis remedio que tragar. Desa cor vestían os únicos varóns que camiñaban erguidos pola rúa, coma sapiens armados con paus e ósos. O resto eran nenos, anciáns ou os chamados mediomes con taras, moitas finxidas e moitas reais.
Eu xa acadara certa pericia na pesca e, axudado polo Formigillo, achegaba á familia os recursos necesarios para unha vida sen fame. Lograba saír máis tarde que os demais, e chegar aos bancos de peixe denantes que ninguén. Enchía a bodega con soltura e rapidez, e incluso empezaba a permitirme eses pequenos paseos de mediodía polo océano descoñecido; o mesmo no que o meu pai atopara unha vez unha sardiña xigante con escamas de arco iris, e no que facía algún tempo liberaramos ao mestre da escola, á súa muller, e á súa fermosa filla Valentina, pintora dos primeiros bicos no branco lenzo da miña infancia.
Pensei nela durante anos, figurándome a súa vida do outro lado do mar. «¿Onde levaron o mestre, papá?», preguntei a miúdo. O meu pai encollía os ombreiros para imaxinar unha resposta plausible.
«Que sei eu, fillo. Para América, supoño», e seguía en silencio a desenlear nas redes. Cedo chegaron os tempos onde tamén preguntaba por el. Entón falaba co Formigillo, que sempre me daba un bufido como resposta.
Unha desas mañás no porto, recibín unha boa paga polo peixe, negociada sen resistencia por un home de traxe azul, con vetas de cobalto nos ollos e un mal disimulado acento estranxeiro. Dicía que era para unha recepción importante no edificio da Compañía do Cable Inglés.
Rumoreábase por aquel entón que, neses tempos de guerra, se celebraban grandes enchentes na sede do telégrafo de Vigo, con esaxeradas racións de carne ou peixe, e acompañadas de abundante pan. Disque xuntaban banquete para corenta persoas nunha mesa de catorce asentos, que se servían os pratos ata arriba e que, cun cuberto de sobremesa, os empregados probaban a vianda dunha forma mínima pero apreciable. Non quedaba porción sen tocar, e non había fonte da que se comese máis que o contido dun garfo de sobremesa. Os ágapes só duraban uns minutos, o xusto para que as monxas entrasen e levasen as abundantes sobras ao cárcere, que xacía moi preto de alí, na rúa do Príncipe.
Os gardas adoitaban requisar para proveito propio os alimentos frescos que as familias dos presos xuntaban con esforzo; pero neste caso non podían facer máis que ascos e xestos de repugnancia ante a ecléctica mestura de cheiros exóticos que emanaban dos guisos preparados ao bárbaro estilo estranxeiro. Era así, con comida camuflada nunha nube de curry fedorento, oculta en potas de lama mal cocida e tarteiras enferruxadas, como as monxas e os empregados do cable alongaban cada mes a agónica vida dos presos no cárcere de Vigo.
Cando entrei na casa, pousei o sobre do inglés na malograda mesa que a guerra nos deixara. Estaba aínda sen abrir, e preñado dun cheiro a limón amargo e prematuro. Por un momento pareceume sentir a miña nai xirar a cabeza, coma activada por un hálito inesperado e familiar. Mirei para ela pero seguía de costas, espeluxando a cebola que fervería ese mediodía cunha maragota que collera do barco.
«¿Canto pagou o inglés?», preguntou. «O que lle pedín na primeira poxa», dixen orgulloso. «Barato me parece».
Resumo
Tras décadas no estranxeiro, un vello mariñeiro volve do exilio cun segredo que contar. Unha azafata divorciada, que vive separada do seu fillo Dante, é a escollida para escribir as súas memorias. Estas comezan no ano trinta e seis, cando sendo neno, el e o seu pai utilizan o seu barco, o Formigillo para axudar a fuxir ao mestre da escola e a súa familia. Unhas semanas máis tarde, o seu pai desaparece sen deixar pegada. O mozo de doce anos ten que tomar o temón do pesqueiro para poder sobrevivir.
Capítulos anteriores






