Morre Xohana Torres, voz imprescindible da poesía en galego contemporánea

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Miguel Villar

A escritora, que tiña 85 anos e era académica na RAG desde o ano 2001, editou no 2016 o seu último libro, «Elexía a Lola», que homenaxea á súa avoa

13 sep 2017 . Actualizado a las 00:32 h.

A poeta Xohana Torres (Compostela, 1931) morreu na tarde de onte en Vigo aos 87 anos. Escritora e académica da RAG, foi unha muller pioneira na defensa da lingua e a literatura galegas, que levou, a partires dos anos cincuenta do século pasado, a espazos entón tan pouco frecuentados como a radio, as revistas, o teatro ou a propia escrita literaria. Foi en Ferrol, onde se criou -e onde estaba destinado como mariño o seu pai-, onde chegou ao convencemento de que a cultura galega precisaba de vontades firmes. Alí, como alumna do insigne profesor de Historia e Literatura Ricardo Carvalho Calero, quedou marcada para esta empresa á que lle dedicou desinteresadamente toda unha vida. Alí, ao pé da ría, cerca de cabo Prior, forxou a súa voz poética -unha das máis relevantes e esixentes das letras galegas contemporáneas que medraron na posguerra-, sinalada pola presenza do mar, polo protagonismo dunha muller irreverente e polo seu interese en dignificar a emigración. A súa obra tocou todos os paus, a poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio e a literatura infantil.

Torres naceu en Compostela, criouse en Ferrol, tiña fondas raiceiras nas terras do Avia -pola parte da súa avoa materna, Lola, quen lle aprendeu a fala galega máis íntima e a cultura popular- e residiu en Vigo. Á súa avoa está dedicado o derradeiro libro, Elexía a Lola (2016), unha versión ampliada e enriquecida da homenaxe que xa lle rendera en Estación ao mar (1980). A edición inclúe un anaco de Eu tamén navegar, o discurso co que Torres ingresou na RAG no 2001.

Comezou a publicar os seus versos na revista do instituto e tamén en «Aturuxo»

A vocación literaria de Xohana Torres -lembra a Real Academia Galega, que lamenta o pasamento da escritora- manifestouse cedo e publicou os seus primeiros versos sendo adolescente na revista do instituto. Algún deles, como Soidá, recuperounos no seu primeiro libro, ao igual que Nai, que deu a coñecer en 1953 na revista Aturuxo animada por Ricardo Carballo Calero. En 1955 recibiu primeiro o premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo, compartido con Celso Emilio Ferreiro, por outro poema, A nosa primavera: toxos, e en 1957 publicou o seu primeiro libro, Do sulco (1957), na colección Illa Nova de Galaxia, acabada de crear para acubillar as novas voces.

Como poeta, publicou tamén Estación ao mar (1980), premio da Crítica española en 1981, Tempo de ría (1992) e Poesías reunidas (1957-2001). Como dramaturga, cómpre salientar as súas achegas ao teatro da posguerra con A outra banda do Iberr (1965), gañadora do premio Castelao de teatro da Agrupación Cultural O Galo, e mais Un hotel de primeira sobre o río (1968). Asinou tamén a novela Adiós, María (1971), premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e, xa no eido da literatura infantil, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984).

A radiofónica foi outra das linguaxes que cultivou con éxito. Nos anos de mocidade participou en espazos emitidos en Radio Ferrol, onde lía textos en galego e poemas de distintos autores. Máis adiante, en 1963, dirixiu en Vigo o primeiro programa cultural radiofónico completamente en galego, Raíz e tempo, que acadou notable audiencia durante anos. E colaborou, anota a Academia, na gravación de discos con escolmas de Castelao e Cunqueiro.

A capela ardente de Xohana Torres abre hoxe ás 10 da mañá, no Tanatorio Vigo Memorial.