Aproveitou o acto para reivindicar unha maior presenza feminina na entidade
24 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Chus Pato (Ourense, 1955) é, desde onte, membro de número da Real Academia Galega. E o seu discurso de entrada será lembrado como unha homenaxe ás figuras femininas da lingua galega, á poesía e aos mestres do Instituto Otero Pedrayo -no que tivo lugar o acto de ingreso e do que foi alumna- que deixaron a súa pegada na poeta.
«Non podo presumir de ter sido unha boa estudante; con todo, hai leccións que se gravan para sempre a fogo no corazón e na lembranza: agradezo hoxe ao académico Xesús Ferro Couselo que nunha mañá moi fría e xa moi afastada no tempo se mantivese na súa palabra diante da policía, insistindo en que eu me encontraba na súa aula; naquela mañá, se ben eu non espallara neste edificio panfletos da Unión do Pobo Galego (UPG), si fora a encargada de vixiar para que esta acción puidese ser levada a cabo [...] Isto, alén da solidariedade, é ensinar Filosofía», subliñou Pato.
O seu padriño de ingreso na RAG, o académico Francisco Fernández Rei, contestou visiblemente emocionado con outro discurso no que empregou palabras de Antón Lopo para referirse a Pato como «a Rosalía do século XXI». Describiuna como «unha das figuras máis innovadoras e de maior proxección internacional da poesía galega contemporánea». E destacou tamén a súa labor desde moi nova pola causa de Galicia e da súa lingua desde unha problemática sociopolítica. «Chus, polas dornas, polas túas dornas de dous carballos. Revolución. Sempre», finalizou Fernández Rei.
O presidente da entidade e exdirector da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, aproveitou a ocasión para lembrar «a presenza activa da muller no eido das letras e a bandeira que ergueu Rosalía de Castro». Tamén trouxo ao presente a memoria de Carlos Casares e da maior parte dos protagonistas que fraguaron a Xeración Nós, nados en Ourense.
«Vou partir dunha afirmación de Xohana Torres que dixo que as mulleres sostemos a metade do ceo, polo tanto o normal é tamén que gocemos e que poidamos estar nesa outra metade da terra, sen estar escondidas ou marxinadas», declarou Pato aos medios ao rematar o acto. Engadiu que, nese senso, a RAG está facendo un labor intenso e que espera que o posto de Torres sexa cuberto por outra muller.