
A actriz preside a xestora da entidade que se constitúe hoxe co obxectivo de servizo e de perdurar no tempo
21 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Na terra onde naceron Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio nace hoxe a Academia Galega de Teatro. Será, ás 12 horas, no Auditorio do Concello de Rianxo, onde terá lugar a constitución da nova entidade, promovida por unha comisión xestora que preside a actriz e dramaturga Imma António ( A Coruña, 1968).
-¿Quen forma parte da xestora?
-No grupo de persoas que estamos como fundadores da Academia Galega de Teatro hai moita xente que formou parte da creación de grandes fitos para o noso teatro, para a normalización teatral, como foi o Centro Dramático Galego, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a asociación de compañías… É xente que, á parte do traballo puramente teatral, ten feito moito pola estruturación do teatro galego e pola creación de ferramentas para que teña un peso e un avance dentro da sociedade.
-¿Como xurde esta Academia?
-Xa hai anos formamos un grupo que case coincide co dos fundadores da Academia que se chamaba o Foro de Sada e que era un espazo de opinión nun tempo no que non estaba nin montada a Escola de Arte Dramática. Orientabamos máis o noso traballo a escribir documentos sobre política teatral, as políticas necesarias, e pedindo, por exemplo, a creación da escola aos políticos porque a cultura depende de decisión políticas e de plans a longo prazo. Ese foro de opinión viu que xa había outras organización profesionais que estaban cumprindo ese papel máis reivindicativo do laboral que do cultural. E por iso vimos a necesidade de dar un pasiño máis dentro da normalización do teatro coa formación dunha academia, no sentido etimolóxico: un lugar de encontro para falarmos de creación, de traballo, para intercambiar experiencias e protexer o patrimonio teatral. Nacemos con vocación de servizo e tamén con vocación de perdurar no tempo.
-¿Son vostedes a vella garda do teatro galego?
-Podemos dicir que os impulsores somos a vella garda, que non é garda nin vella [ri], pero si persoas que levamos moito tempo implicadas en proxectos teatrais.
-¿Cales son os seguinte pasos?
-A segunda fase é a de convidar a xente que está agora traballando, que é o relevo, que son os que teñen que tirar deste carro, aínda que xa moitos o están facendo e outros queren facelo, a que formen parte da Academia para ter un espazo de encontro, de intercambio, de debate san, de recompilación e conservación do noso, de facer mesas de traballo, de estudo. Temos a intención de montar un congreso dentro dun ano ou ano e medio, abandonando un pouco iso de estar dando a lata aos políticos, que o seguiremos facendo.
-¿Menos políticas teatrais e máis teatro?
-Pasamos moito tempo falando de políticas teatrais e ás veces moi pouco falando de creación teatral. O das políticas teatrais é necesario pero eu creo que o teatro galego xa ten a madurez necesaria para ter unha academia e que esa academia cumpra o que todos entendemos como academia e que sexa viva. A xente cando lle dis que queremos montar a Academia Galega do Teatro vena así unha cousa como de andeis cheos de po… ¡E todo o contrario! Queremos unha academia viva, dinámica, que una e que perdure.
«O teatro atinxe a moitos oficios e artes que se van perdendo»
Rianxo, «un concello moi amable coa xente do teatro», é o lugar onde se constitúe hoxe a nova entidade.
-¿Xa ten sede a Academia?
-Niso estamos. O Concello de Rianxo estaba moi disposto a que tiveramos alí a sede, pero ao ser nós unha entidade privada e eles unha pública hai cuestións legais delicadas. Estamos buscando.
-¿Cal é o patrimonio do teatro galego?
-O patrimonio teatral é moito máis amplo do que podamos pensar porque hai deseños de escenografías, de vestiario, música… O teatro atinxe a moitos oficios e moitas artes que se van perdendo, desaparecendo ou están moi espalladas. Entón hai que catalogalo, estudalo e legalo para os que veñan detrás de nós, para que saiban de onde vimos. E logo o cariño polo noso, que os galegos temos un certo desleixo polo noso.
-E o teatro afeccionado, ¿tamén conta?
-Faise teatro afeccionado en toda Galicia e desde o punto de vista creativo seguramente teñamos moito que falar. Hai teatro e hai que falar, hai que pór en valor, hai que seguir avanzando para normalizar o teatro dentro da cultura que ata agora era esa cousa de ir coas majorets, a maxia e no medio o teatro. Eu insisto moito en integrar a xente nova, é fundamental para ese encontro interxeracional. Porque os novos teñen unha ollada máis fresca e nós ao mellor temos unha ollada viciada e unha certa desconfianza.