
Escribir en galego é «un modo rebelde de situar un sistema literario, cognitivo e lingüístico» no mundo
22 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A idea xa lle bulía na cabeza e cristalizou nun par de meses. Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974) vén de gañar a décimo quinta edición do premio de poesía Afundación con As neuronas irmás.
-¿Cal é o fío condutor?
-Ten un núcleo central que irradia o resto, que é a idea de irmandade, esa irmandade que existe entre o ser humano e o cosmos. Desa maneira fun artellando varias cousas que son irmás. Por exemplo, nós vivimos nunha galaxia pero temos unha galaxia irmá, Andrómeda, moi semellante á nosa. Tamén a nosa irmandade con outras especies e a irmandade feminina, entre mulleres. Interésame potenciar ás mulleres que pensan: científicas, investigadoras, escritoras, por suposto, e todo aquilo que moitas veces queda invisibilizado do traballo das mulleres, que é o traballo intelectual, a intelixencia feminina. A idea é irmandade, unha irmandade feminista, feminina, científica, investigadora e intelectual.
-¿Foi un proceso creativo longo?
-Tiña moitas anotacións feitas, e moitos poemas xa escritos. De feito hai algún chío de Twitter tamén. Vou publicar agora un libro que se chama Curiosidade e tamén ten chíos. Emprego moitas veces chíos, mesturo prosa poética e poema ao uso.
-Falando de Twitter, hai unha corrente que di que as novas tecnoloxías están matando á literatura. ¿É un acto de rebelión contra iso?
-Totalmente. Para min foi moi importante abrir un blog no 2005 e tamén abrir unha conta de Twitter. É unha reivindicación de que as novas tecnoloxías son unha segunda, ou non sei se terceira ou cuarta xa, vida da literatura. De feito, un formato como a poesía funciona moi ben nas redes, porque propágase rápido e ten outro tipo de lectura. Sempre estamos dicindo que a tecnoloxía mata a lectura e nunca tanto se leu, estamos constantemente pensando como escribir ben para que non haxa malentendidos no WhatsApp... Medimos a palabra, somos literatos.
-Pero semella que a poesía se ve como algo decimonónico.
-Si é certo que parece unha cousa poeirenta, aburrida. Pero escoitamos, lemos poesía e pensamos poeticamente. Os seres humanos temos a cabeza feita de metáforas, o noso pensamento é metafórico, pero non nos decatamos. Pensamos que a poesía efectivamente é esa cousa longa, que rima, un pouco pedante, cursi... Pero o certo é que mudou moitísimo a finais do século XX e ten un código de exploración da linguaxe e do cerebro humano que para min é case neurociencia. É unha exploración das nosas capacidades e da nosa relación coa lingua como seres humanos.
-¿Escribir en galego segue a ser un acto de rebeldía?
-Creo que escribir xa é un acto de rebeldía, porque sempre hai a quen lle molesta. Escribir en galego segue a ser un acto de rebeldía pero dun xeito distinto aos anos 70, a como facía Celso Emilio Ferreiro. Hoxe en día é un modo rebelde de situar no mundo un sistema literario, cognitivo e lingüístico que non queremos que se perda.