Manuel Ferreiro: «Pondal estivo preocupado por que a súa memoria ficase viva»
CULTURA
No ano de centenario da morte do bardo Manuel Ferreiro di que cómpre achegarse sen prexuízos ao poeta
04 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O lingüista e escritor Manuel Ferreiro (Begonte, Terra Chá, 1955) é o maior estudoso de Eduardo Pondal. Nada menos que tres obras arredor del publicou neste ano de centenario da morte do bardo. Unha é Eduardo Pondal, o cantor do eido noso (Laiovento), con catro ensaios: unha pequena biografía, un traballo sobre o Himno, outro sobre Os Eoas e un cuarto sobre a a lingua literaria en Pondal. Van seguidos dunha antoloxía de cartas que o escritor recibiu ou escribiu, pois Ferreiro está convencido de que ilustran a súa figura, a súa obra e a Galicia da época. O volume conclúe coa entrevista que La Voz lle fixo en 1912, a única que se ten. A segunda das obras é unha antoloxía xeográfica promovida dende a Deputación, Esta é a terra dos eidos amigos, dada a importancia do territorio na poesía de Pondal. Finalmente, Os cantos eran da patria, é unha antoloxía da que tiñan ganas na Fundación Pondal e que publicou a Academia: 120 poemas organizados tematicamente e con notas «para que calquera puidese seguir a poesía», achegarse a un poeta que «entregou a súa vida á construción dunha obra ao servizo da redención da súa patria, da nación galega».
-¿Que valoración fai deste ano de centenario da morte do bardo?
-Fixéronse cousas, iniciativas persoais ou da Fundación Pondal, pero boto de menos unha implicación institucional. Non se percibe que se fixese nada especial, cando é un dos pais da patria.
-¿Chega tarde o recoñecemento no Congreso? No Parlamento...
-Hai que ser construtivos. Se chega agora, tirar para adiante.
-¿Que se podería ter feito?
-Era fácil ter feito unha exposición que circulase por todo o país, porque Pondal deixou os suficientes elementos para compoñer unha mostra moi digna del e da súa época. Doutro lado, as institucións culturais e científicas poderían ter organizado un magno congreso, similar ao que se realizou no centenario do nacemento de Rosalía, que marcou un antes e un despois. Construír a grande biografía de Pondal xa non depende tanto das institucións, senón de que haxa persoas dispostaas, e tamén editores.
-¿Estiveron as editoriais á altura?
-Que eu saiba, só Laiovento me publicou a min un libro, pero non coñezo que saíse ningunha outra obra específica sobre Pondal. Estamos nunha crise editorial.
-¿Pondal tiña medo de ser esquecido? Á luz dalgún verso...
-Pondal estivo preocupado toda a súa vida por que a súa memoria ficase viva, que a obra que el concibiu ao servizo do pobo galego fose lida e tida en conta no seu tempo, pero tamén nos tempos de hoxe. Nese poema que dita na pensión La Luguesa dous ou tres meses antes de morrer, explica ben o que é a súa obra.
-¿Cumpriuse a súa vontade?
-[Suspira] Non vivimos bos tempos. Continúa a ser moi necesario que os galegos e galegas volvamos ler o que os nosos antepasados escribiron, e nomeadamente aqueles que entregaron a súa vida a que a nosa patria non desaparecese. Probablemente se reflexionaría, e moitas actitudes poderían variar: poderiamos construír ou reconstruír unha patria que está en perigo.
-¿Qué é Pondal na súa vida?
-Comecei a traballar con Pondal un pouco de casualidade, como un traballo académico, investigador, facendo o doutoramento. Eu nin sequera son bergantiñán, son chairego, e moi rexionalista. Sinto que a miña patria de orixe é esa, pero recoñezo que teño unha fraqueza especial por Bergantiños, e foi a partir de Pondal. Para el Bergantiños era Galicia. Cando dedicas moitas horas, días, semanas, meses e anos a traballar sobre un autor acaba habendo unha especie de identificación. Pondal é un home complexo e non todo me gusta na mesma medida, claro. Mais síntome satisfactoriamente acompañado por el.
-¿En que público cómpre incidir?
-Eu pensaría na mocidade. O himno é a expresión cantada da nación. Descubrirían moitos rapaces que Pondal segue falando para eles, como Rosalía. Redescubrir Pondal, achegarllo á xente, debería ser un obxectivo que as institucións galegas dignas de levar tal nome deberían ter. Hai unha descuberta cando nos achegamos aos clásicos sen prexuízos.
-¿Foi xusta a historia con el?
-A historia nunca é xusta abondo cos grandes homes e as grandes mulleres do pasado. Ou polo menos poucas veces. O pobo galego debería aprender a recoñecer o traballo dos que nos precederon. Somos o que somos porque outros homes e mulleres, antes ca nós, entregaron a vida á causa galega.