Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Ourense reivindica o legado do primeiro reino de occidente

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

A exposición dos suevos, a máis completa sobre este pobo, amosa 262 pezas procedentes de 39 museos de Europa

16 dic 2017 . Actualizado a las 17:34 h.

O primeiro reino de occidente, logo da caída do imperio romano, chegou da man dos suevos e Ourense foi a súa capital nun tempo que marcou a historia e o futuro de Europa. O legado deste pobo pouco coñecido, vinculado durante séculos aos bárbaros, e a reivindicación da súa historia son os eixes fundamentais dun proxecto promovido pola Deputación de Ourense que onte se abriu oficialmente ao público: a mostra In tempore Sueborum. O tempo dos Suevos na Gallaecia (411 - 585). Con tres escenarios expositivos -o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Museo Municipal de Ourense e a igrexa de Santa María Nai (baixo a que algúns sitúan a catedral primixenia da cidade)- a mostra inclúe 262 pezas de gran valor histórico e artístico, que proceden de 39 museos espallados por dez países europeos. Xunta, Concello e Diocese de Ourense colaboran nesta iniciativa, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura e Abanca.

O comisario da mostra, Jorge López Quiroga, salientou o feito de que In tempore Sueborum é o proxecto máis completo dos que se levan desenvolvido ao longo da historia sobre este pobo e que en Ourense se poderán ver pezas que nunca, ata o de agora, se tiñan exposto ao público e outras que achegarán novos escenarios e información ao amosarse agrupadas. Entre outras figuran o anel de Alarico II -trasladado dende Viena- ou as pezas ornamentais dunha princesa sueva. Xunto a López Quiroga foi o encargado de poñer en marcha a iniciativa o medievalista Artemio Martínez, e a coordinación técnica foi asumida por Mercedes Rozas.

Na inauguración da mostra sobre o reino dos suevos o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, salientou que In tempore Sueborum sitúa á cidade «á cabeza das grandes exposicións que definen a identidade dun territorio a través da difusión e a posta en valor do seu acervo cultural e patrimonial» e que se trata dunha «exposición irrepetible e cargada de historia, armada de entidade política de seu: falamos dunha época, hai máis de 1.600 anos, en que se configurou aquí o primeiro Estado de Europa: o reino suevo da Gallaecia». O presidente da Xunta, que logo da apaixonada defensa dos suevos feita polo ourensán, amosouse convencido de que «o sucesor lexítimo do rei dos suevos sería na actualidade José Manuel Baltar», e destacou que a mostra «amosa que Ourense forma parte da inmortalidade da historia, e achéganos luz sobre o legado suevo -150 anos da nosa historia-, unha época da que pouco se sabía e da que comezamos a coñecer máis», segundo Feijoo.