Sés: «Uns escóitanme por dicir o que digo e outros a pesar diso»

Dolores Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

ANGEL MANSO

A artista presenta «Readmirando a condición», unha regravación do seu primeiro disco, do 2011

13 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Son unha tía moi seria, fun criada polos meus avós», di Sés, María Xosé Silvar (A Coruña, 1982), como aclaración da súa imaxe forxada de muller brava, controvertida e nada dada á ambigüidade. Dío nun momento no que reivindica o seu punto de partida co álbum Readmirando a condición, unha revisión do seu primeiro disco en solitario, editado no ano 2011.

-¿Como xustifica a reedición deste disco?

-É unha regravación porque o primeiro disco non é da miña propiedade, é dunha produtora e non podo facer copias. De feito, eu non o teño.

-Mais vostede condiciona a xira de concertos con temas antigos.

-Readmirando a condición é un tema novo, hai catro ou cinco pezas que non se tocaban, e todo vai soar diferente. No disco hai temas imprescindíbeis nos meus concertos e só por como quedou Non son fada está xustificado.

-A caixa leva unha mensaxe sobre o papel da muller na música.

-É unha explicación que dou dunha maneira tan franca que é susceptible de que me acoitelen e me linchen, pero a inxustiza, a impotencia e a frustración son o que máis me inflúe. Ti sabes que a túa sinatura non vale o mesmo que a dun maromo e eu sei o que é acabar un concerto no que dixen cincuenta veces «este tema escribino cando...» e que sempre haxa un tipo que lle vai preguntar a Tito [Calviño, o seu guitarra]: «Oye, ¿las letras se las haces tú?».

-A súa figura é incontestable.

-¿Sabes cantas veces me preguntan quen che fai as letras ou quen che produce os discos e cantas mo preguntarían se fose un tío? ¿Sabes cantas persoas dan por sentado que só canto? A xente que o único que fai é escoitar cancións é unha porcentaxe moi alta das persoas que se achegan á música na actualidade, desgraciadamente. Vivimos nun mundo en que a maioría das mulleres queren ser cantantes, e eu non quero selo nin me gusta que mo chamen. Non son cantante nin canto ben, eu fago cancións, produzo e edito a miña música e decido o son.

-Pese a todo isto que di, vostede vai polo quinto disco e ademais enche as salas...

-Hai unha porcentaxe de persoas que me escoitan porque digo o que digo e outra a pesar do que digo. E esa última porcentaxe é alta. Dígoo porque me repiten frases como «Sés canta moi ben, pero fala demasiado» e polos que din que a música e a política non se deben mesturar, como se a música non fose política na súa totalidade. E iso que hai unha cousa que é moi simple, que toda a arte é política, é un axioma filosófico. Ou defende o establishment ou o contrario, pero non hai arte que non sexa política. Malú fai arte política, a contraria a min.

-Sempre fai bandeira.

-Non é que eu o queira, pero o simple feito de ser normal e ser sincera, ser aberta, convértete nunha. Non protesto, digo a verdade, só o fago polo que hai que protestar, porque estamos moi mal e estamos moi fodidos e na merda, e se es unha tía medianamente boa persoa tes que estar enfadada. Son unha persoa con moitísima elasticidade para cuestións individuais e moi pouca para cuestións sociais.

-¿E como ve a música?

-Hai moi pouca verdade na música actual. Sempre digo que hai dous tipos de artistas en xeral, e músicos en particular, que son os que teñen a música como fin e os que a teñen como medio. Eu téñoa como fin, a miña fin é facer cancións, non para ser famosa ou ter diñeiro. Cheguei á música por casualidade e se non fose polo de Auserón [un concurso] estaría poñendo cafés.