
Unha exposición co gallo do Día da Ilustración recupera a obra do artista asasinado o 14 de agosto de 1936
30 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Escorrentaba o medo do mellor xeito que sabía. Sacudía a humidade do único xeito que sabía. Debuxando. As liñas ían trazando aos seus compañeiros de cela. Era verán. O agosto máis frío de todos cantos agostos houbera. E Camilo Díaz Baliño debuxaba na Falcona. A madrugada do 14 de agosto sacárono da cadea o Solla, o Xerpe e o Baluxa. E Camilo, asasinado en Palas, contribuíu a que o sangue rebordase nas cunetas. Gañou o terror da ditadura. Non só o matou. Botoulle o manto da morte por riba de toda a súa obra. E Camilo Díaz Baliño, ilustrador, artista, escritor, deseñador gráfico, e un impresionante escenografista, pasou a ser, sobre todo, o represaliado do réxime. Da inxustiza franquista.
«É un ilustrador, un debuxante e artista ata certo punto descoñecido. Non totalmente, todos sabemos quen é, pero dada a calidade do seu traballo é pouco coñecido». A retirar ese manto da morte que lle botou por riba a ditadura contribúe Camilo Díaz Baliño: xenialidade truncada, unha exposición que, co gallo do Día da Ilustración, será inaugurada hoxe na Biblioteca de Galicia, baixo responsabilidade de Daniel Buján, quen creou a mostra xunto a Elena Díaz del Río López. Son 54 pezas, repartidas en seis vitrinas, que devolven a Díaz Baliño un anaco da estreliña que prendeu na testa do seu fillo, Isaac, nos seus derradeiros días.
Hai fotografías cotiás, unha parte familiar e logo o seu traballo. «Camilo é un artista cunha produción moi ampla e dunha calidade extraordinaria», explica Buján. A que quedou agachada detrás da inxustiza. O material co que se pon de manifesto a xenialidade truncada deste intelectual galeguista forma parte do fondo que Isaac Díaz Pardo deixou cedido á Cidade da Cultura.
Aínda que adscrito ao movemento modernista, na súa esencia, Camilo Díaz Baliño foi un simbolista. Falábao o outro día Xosé Díaz -neto de Baliño- con Daniel Buján. «Case todo o que fai, sobre todo con respecto ao tema galego, é crear unha simboloxía de Galicia». O debuxo é limpo, marcado, perfecto, «pero o contido é simbolista».
Hai fotografías. Está o convite da súa voda con Antonia Pardo. O carné de correspondente de Lar, instantáneas do traballo na Casa da Tumbona -que logo foi a sede provisional da editorial Nós, que trouxo Ánxel Casal para Compostela- e tamén mostras de todo o seu traballo: capas de libros, de revistas e escenografías para, entre outros, Ramón Cabanillas. ¿E se só puidese elixir unha? «A min gústanme moito os debuxos das carrozas da cabalgata do 25 de xullo», di Buján.