O músico reúnese de novo coas Adufeiras de Salitre en «Noró»
01 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O norte como punto cardinal, pero tamén como estado de ánimo. O compás de Xabier Díaz (A Coruña, 1969) marca nunha dirección que non só «acompaña no sentido formal, senón que tamén inflúe animicamente», segundo explica o músico, que tralo éxito de The Tambourine Man recunca coas Adufeiras de Salitre, Gutier Álvarez e Javier Álvarez en Noró, un disco co significativo subtítulo de Algunhas músicas do norte. Un norte máis de espírito que de xeografía, xa que Díaz móvese coa liberdade de quen cartografía un mapa de seu ao tempo que explora, nunha ruta que o leva polas conexións musicais atlánticas pero sen deixar de ollar tamén ao Mediterráneo: «Hai percusións, voces coas súas melismas e escalas modais, coas que temos moitas cousas en común», defende Díaz, quen prefire fuxir dos reducionismos que o imaxinario asocia á etiqueta da música celta e ficar tan só coa de world music: «Respecto moito toda escena e música, pero o noso é diferente, e creo que hai unha plusvalía nesa diferenza. Temos moito en común, por exemplo, con xente do sur como Eliseo Parra». É dicir, que en música o norte non exclúe o sur.
Trazabilidade musical
En todo caso, as fontes de Noró son completamente galegas. Nun exercicio do que hoxe se chamaría trazabilidade, os trece cortes do disco contextualizan polo miúdo a orixe de cada tema: dun encontro casual nunha parroquia cun músico, das escoitas de gaiteiros ou de colegas en xornadas, do Cancioneiro popular galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina... Se o norte é para Díaz un estado de ánimo, estas fontes non son só erudición musicolóxica, senón que obedecen a unha conexión emocional. «Son incapaz de desprender o impacto que esa música tivo en min, que forma parte da miña paisaxe emocional. No fondo, creo tamén que é porque eu son curioso, e cada vez que escoito unha canción busco onde se gravou, como, quen interveu... e supoño que esa curiosidade tamén a levo aos meus discos», describe. Como tamén están citados os artesáns dos instrumentos que foron empregados en Noró, xa que non os fan «en serie, senón que deixaron neles a súa pegada». «As cancións, ademais de seren música, son un vínculo emocional coa xente e cos lugares onde eu vivo, dende as montañas de Lugo a unha parroquia de Bergantiños, esas pequenas patrias folclóricas», engade Díaz.
Beber na tradición musical non significa que Xabier Díaz aspire a reproducila mimeticamente, nun exercicio de arqueoloxía ou etnografía. O artista é consciente de que é un intérprete, unha ponte que conecta esa tradición co público do século XXI, e ese papel de «tradutor» obrígao a ser fiel ao espírito, mais non á literalidade: «Cambio os ritmos, os compases, síntome libre para manipular a música, por que o que son é fiel á pegada emocional».