Publican un ensaio inédito de Xohana Torres do ano 1972

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

O traballo sobre Santo André de Teixido gañara un premio etnográfico promovido pola deputación coruñesa

13 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi o traballo gañador, no ano 1972, da primeira edición do premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputación da Coruña. Porén, Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos, no que Xohana Torres facía un repaso polas tradicións e o contexto deste lugar, nunca chegara a ver a luz como publicación. Ata agora, que o organismo provincial e o selo Engaiolarte rescatan este ensaio cumprindo, ademais, un dos soños da propia escritora, que estivo traballando nesta edición até poucos días antes do seu falecemento o pasado setembro.

O editor de Engaiolarte e amigo da autora ao longo de 35 anos, Xosé Puga, explicou onte que este era o libro que probablemente máis ilusión lle facía a Xohana pola súa vinculación coa tradición e con Santo André de Teixido, que consideraba «o único mito universal galego». «Lembraba que o escribira cando non había documentación e cando a unha muller que chegaba a investigar non a tiñan en conta», evocou Puga durante a presentación da publicación xunto á vicepresidenta da deputación e responsable da súa área de cultura, Goretti Sanmartín.

Torres revisou o texto deste traballo co que gañara o premio, facendo emendas e creando un poema para o volume no que relacionaba o santo de Cedeira coa Virxe de Chamorro de Ferrol. «Viviu este libro e emocionouse coa súa edición, e mesmo lle caían as bágoas cando miraba a maqueta, xa que tiña unha espiña cravada que por fin puido quitar», explicou Puga. O libro, o primeiro de Xohana Torres publicado despois da súa morte, conta cunha coidada edición con fotos de Xulio Xil.

Goretti Sanmartín destacou que, coa edición do ensaio, a entidade provincial quere facer «unha homenaxe e un acto de desagravio a Torres por non ter sido publicado no seu momento un texto que recibiu hai 46 anos un premio da Deputación da Coruña». Engadiu que este traballo mostra a preocupación da escritora pola cultura e a identidade galegas, polas lendas e a paisaxe.

O libro foi presentado na sede da Fundación Eugenio Granell de Santiago, un espazo vinculado á escritora, segundo destaca a deputación, xa que no ano 1957 se desenvolveu nel un acto sobre a nova poesía galega e Xohana Torres fora a única muller participante.