Versos rebeldes escritos con spray

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fran Alonso fotografía en «Street Poems» arte da rúa en varios países para convertela en poemas pensados para a mocidade

19 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai varios anos, Fran Alonso (Vigo, 1963) fotografía mostras de arte urbana alá onde vai, sexa na súa cidade natal e de traballo, sexa en viaxes a Portugal, Francia ou Alemaña. Esas imaxes durmían no disco duro do ordenador ata que Alonso empezou a xogar con elas e viu que podían encaixar coa orientación que dá forma nos últimos anos á súa obra lírica: a poesía para un lectorado mozo. O resultado é Street Poems (Xerais), un libro no que os versos non só se inspiran nas pezas retratadas ao longo do tempo, senón que se establece un diálogo do que agroma o poema.

Isto dáse, en parte, pola ligazón que une a poesía co graffiti a través do rap, e que Alonso estende tamén «á actitude de moitos grafiteiros e artistas plásticos e da propia iconografía da arte urbana». Era un terreo propicio para que o escritor desenvolvese o foco do seu interese lírico, a poesía infantil e xuvenil, a aposta por «un xeito anovado de concibir a creación literaria, moi global, moi híbrido e interdisciplinario».

Xa que logo, Street Poems une, de forma indisoluble, a arte urbana coa arte poética: «Trato de crear desde unha ollada que supere o propio texto para dialogar coa imaxe, coa páxina, co deseño... e para que ese diálogo dea pé a unha unidade compacta. De feito, en boa medida, a miña elección das imaxes está condicionada polas posibilidades que ese diálogo me pode ofrecer», explica.

Por exemplo, unha peza de Pest, na cidade xermana de Konstanz, e na que se ve unha avelaíña arredor dunha lámpada, inspira o seguinte poema: «A poesía é unha avelaíña á procura da luz da vida. / A poesía é un spray que escribe co osíxeno dos pulmóns. / A poesía son palabras trazadas con glóbulos vermellos nun valo. / A poesía é a tensión clandestina dun graffiti que irradia verdades. / A poesía é algodón negro que amortece a dor das feridas». Hai poemas que ocupan a páxina contigua á fotografía, mentres que outros se escriben precisamente por riba dela, como acontece en Planet Street Art, unha constelación de nomes de creadores.

Carácter clandestino

A ese carácter clandestino da arte urbana alude Alonso cando resume a súa esencia en tres palabras: misterio, emoción, enigma. «Creo que son tres substantivos moi bos para definir o graffiti, que é misterioso, por clandestino; emocionante, por rebelde, por impulsivo e fresco; e enigmático por simbólico, por indescritible. Intentei que os poemas tivesen esa mesma forza, ese mesmo espírito, que parecesen trazados con spray», explica.

Alonso, que xa escribiu poemarios para rapaces como Cidades, Poemas birollos para ler cos ollos ou O meu gato é un poeta, cre que o xénero lírico infantil e xuvenil debe botar man dos achados noutros ámbitos para engaiolar aos lectores novos. Un obxectivo que enmarca noutro maior: «A literatura debe esforzarse en falarlle de ti a ti á sociedade á que se dirixe sen necesidade de renunciar a nada».

Street Poems inclúe unha lista coas localizacións e autorías das pezas. Algunhas foron feitas dentro de iniciativas organizadas, outras son resultado dunha práctica que bordea a legalidade, e que é a que máis interesa a Alonso. «Eu creo que está ben que as institucións promovan o muralismo, porque promoven o muralismo máis que o graffiti, pero ese carácter clandestino, insubmiso, indomable é o que o caracteriza o seu perfil artístico e a súa dimensión social. E iso é irrenunciable, porque a arte non está para satisfacer, senón para inquietar, para provocar a reflexión e sacudir conciencias», afirma o escritor.