Recibín o recente O pronunciábel día da súa morte de Xesús González Gómez, edición do autor, «na fraternidade do Grupo Surrealista Galego Xalundes». O amigo XGG conta, entre outros méritos, co de ser o galego que máis e mellor ten afondado (véxase o seu Diccionario de surrealismo e surrealistas, 2009, Teatro e surrealismo, 1999, as súas traduciós da Antoloxía de poesía surrealista de expresión francesa, 1981, etc.) nun movemento que André Breton definiu así: «Automatismo psíquico mediante o cal se intenta expresar, quer verbalmente, quer por escrito, o funcionamento real do pensamento. Ditado do pensamento, pois, en ausencia de todo control exercido pola razón e á marxe de calquera preocupación estética ou moral». Mais sabido é que, á marxe da definición, as angueiras sociais e políticas marcaron unha boa parte da andadura desta doutrina revolucionaria -tamén nomeada suprarrealismo-un dos movementos intelectuais máis profundos e auténticos do pasado século. Neste percorrido polas distintas reacciós que o pasamento de Breton motivou na prensa e nas revistas culturais españolas daquel 1966, algunha tan de noso como a de Xohán Ledo no Grial, resulta salientable a afirmación de Tomás Alcoverro: «El surrealismo quiso ser una concepción total del hombre y del mundo, teoría del conocimiento, ética y forma de vida.» De aí a conclusión de González Gómez, «a revolución surreralista, illada na sociedade burguesa e carente de eficacia (masiva), foise convertendo, pouco e pouco, nun movemento estético que non abdicou endexamais da súa esencia honesta e creativa, da trepia da que parte como avangarda; poesía, amor e liberdade. Con Rimbaud e Lautréamont na cabeceira, a vitalidade do surrealismo, a pesares dos momentos críticos, 1918 e 1939, remate e comezo das dúas grandes guerras, sobreviviu ó seu fundador, André Breton, personalidade de enorme empuxe e valía que se encarou ó mundo, sen concesiós nin servidumes, mestura de maxia e sacerdocio. Neste momento de institucionalismo acaparador onda nós, empeñados algús en promover a medianía -é de necios rodearse do medio pelo, dicía Carlos Casares-, convénlle á savia nova -haina e moi nutricia, por certo- saber do letreiro que Breton penduraba na porta da casa: Ne reçoit pas, même avec rendez-vous.