«Temos que reivindicar ese europeísmo que sempre tivo a cultura galega»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

«A posición atlántica é o que nos coloca no centro do mundo», defende a nova presidenta do Consello da Cultura

11 ene 2019 . Actualizado a las 16:45 h.

Cando ela comezou a colaborar co Consello da Cultura, Ramón Piñeiro era o seu presidente. Daquela, a institución que hoxe ocupa parte do compostelán Pazo de Raxoi estaba nuns pisos na rúa do Vilar. Entrou no plenario no 2008 e foi vicepresidenta dende o 2010, a carón de Ramón Villares. Dende onte é a nova presidenta desta entidade cultural galega.

-Villares pedía máis competencias. ¿Cales debería asumir?

-Non hai en ningún momento explicitado que nós teñamos competencias da cultura galega no exterior, pero fómolas asumindo de maneira bastante intensa. Creo que deberiamos asumir dunha forma moito máis explícita e moito máis amparada, por un acordo do Parlamento, se me se me permite, a competencia da acción exterior e da internacionalización da cultura galega. Por un lado porque deberiamos procurar integrar a cultura galega exterior dentro do marco xeral da cultura galega. Non como un apéndice, senón como algo que forma parte do noso sistema cultural.

-¿Que liñas hai que reforzar?

-Hai tres liñas, que deben de entrelazarse. Unha delas ten que ver coas propias comunidades de emigrantes, e falo dos que emigraron e os seus descendentes, que son galegos de herdanza. É a comunidade galega no exterior. Por outro lado están as propias sociedades dos países de acollida. Creo que debemos dirixirnos a esas sociedades dos países de acollida porque non saben moito da Galicia actual e debiamos trasladarlla a eses países que xa saben que hai Galicia e que hai galegos. E Galicia debe saber tamén o que foi a emigración galega, saber a importancia que tiveron os galegos na construción das sociedades dos seus países de acollida. E tamén a contribución que tiveron na construción da Galicia moderna.

-¿Non nos coñecemos?

-Pouco, moi pouco. Tamén están os países de lingua portuguesa. Viñemos dende hai bastantes anos traballando moi intensamente en Brasil e Portugal, entre outras cousas porque temos tamén as nosas propias redes académicas, que son fundamentais, porque a través delas teñen a imaxe da Galicia actual. Despois está Europa, onde temos unha fortaleza extraordinaria que é a rede dos camiños de Santiago como vía cultural. A través da rede xacobea o nome Galicia xa soa e hai que aproveitar. Hai que dicir que en Santiago hai algo máis que un botafumeiro, hai a capital dunha cultura.

-Pero semella que a cultura galega aínda é de consumo interno.

-Temos que romper isto, porque temos unha vocación europeísta dende Xelmírez. Temos que reivindicar ese europeísmo que sempre tivo a cultura galega, e mostralo. Non somos o último reduto no Finisterre. Somos tamén iso, pero somos un reduto da cultura europea. E temos tamén a posición atlántica, que é o que nos coloca no centro do mundo, se nos colocamos no Atlántico non somos periféricos. Colócanos en relación coa emigración e o exilio de novo, cos países de lingua portuguesa, convócanos cara ás raíces culturais máis fondas de Galicia. Colócanos tamén nunha posición de vantaxe con todos os estudos transatlánticos, pero sobre todo nos coloca coa reivindicación da cultura marítima, que ademais de ser un trazo da nosa personalidade, é un sector económico de extraordinaria importancia e cun nome, o de Galicia, que está presente dende a Patagonia ata Terranova.

«Non se pode soster o sistema a conta de sacrificios persoais»

A diagnose da cultura galega pon de relevo os efectos dos recortes. ¿Está Galicia na uci cultural?

-Non. Sería completamente inxusto dicir que está na uci, pero tamén se debe de recoñecer que ten importantes déficits. ¿Como se salvou a crise? A base de moitísimo voluntarismo e de sacrificio, e que case sempre se fai a título particular. Seguimos tendo unha forza humana milagrosa, con grandes sectores de mocidade que están tirando cara adiante en todos os sentidos. Hai moitísimo traballo que se está facendo a base de non ser remunerado

-A base de militancia.

-De militancia, claro. Podes salvar uns anos a base de militancia, pero non podes vivir toda a vida a base de militancia. ¿Que a cultura galega resiste? Seguro. Que está resistindo con novos formatos, con novos ímpetus, con novas visións, que é plural, heteroxénea, imaxinativa, creativa... diso non teño a menor dúbida. Temos un capital humano sumamente extraordinario. Agora, ¿iso vale para dicir que a cultura galega está ben? Non. Non se pode soster esta efervescencia cultural a conta de seguir pedindo sacrificios. Este é un sector produtivo importante, non é menos importante que outros que se están amparado con diñeiros públicos. Deseñen as políticas para poder amparalo. Esta vía de resistencia pasa porque practicamente todos son autónomos. Non hai un tecido empresarial que se poida soster desa maneira. Dende o momento de que todo depende do voluntarismo e o esforzo persoal hai unha escasa profesionalización. Moitas veces non hai sequera as vías de formación.

-Fala de grandes sectores de mocidade comprometida. Coa lingua parece que non tanto.

-No informe sobre a mocidade e a lingua obsérvase que medrou o grupo dos que se declaran bilingües. A estes rapaces, na súa maioría, non os movía unha motivación ideolóxica, senón de afectividade pola lingua. É un cambio de paradigma.

-Pero ¿é galega a cultura que non se fai en galego?

-Creo que a lingua e a cultura galega van indisolublemente unidas, pero tamén é certo que hai moitos ámbitos culturais en que non cabe falar de lingua. Unha exposición de Berta Cáccamo non ten que ver coa lingua. Naturalmente eu non diría que a literatura galega é literatura que non se escribe en galego, por exemplo. Hai ámbitos culturais nos que a decisión sobre a lingua que usas colócate nun canon cultural ou noutro, pero hai moitos sectores culturais en que a lingua non ten nada que ver no asunto. Aí creo que temos que manter unha posición de apertura.